Ramón Lois analiza as contradicións do mercado laboral de Galiza: "os licenciados marchan a Madrid, pero asemade hai empresas galegas que din que non atopan profesionais"
Ramón Lois/Foto: COETG
Galiza produce enxeñeiros de telecomunicacións que emigran a Madrid porque no país non hai empregos que lles permitan medrar profesionalmente. Este é diagnóstico Ramón Lois, secretario do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, sobre o mercado laboral das novas tecnoloxías en Galiza.
Lois sinala que neste sector, curiosamente, as empresas tamén teñen problemas para atopar enxeñeiros debido a fuga de cerebros. E faino con coñecemento de causa, pois é un dos directivos de Televés, a principal firma galega de aparatos de telecomunicación.
Nunha entrevista co portal do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), o secretario do COETG pide a Xunta que apoie ás firmas galegas tecnolóxicas na conquista de novos mercados. “Non se pode pensar que a industrialización tecnolóxica de Galicia se pode sacar adiante sen as empresas”, conclúe.
Un dos problemas que detectou o PEGSI para o crecemento do sector é a fuga de cerebros. Estase a producir este problema nas telecomunicación na actualidade?
Si, por desgracia, pero hai unha cuestión que debe tratarse polo miúdo. E é que, por unha parte, os licenciados da Escola de Telecomunicacións están indo a Madrid a traballar, pero asemade hai empresas galegas que din que non atopan profesionais aquí.
Parece contraditorio ...
O problema pode ser que moitas veces estas empresas buscan unha solución inmediata, cando os enxeñeiros son profesionais de ciclo longo. É dicir, os enxeñeiros necesitan un traballo que lles permita desenvolverse profesionalmente. Polo contrario, os empresarios buscan a unha persoa que realice un traballo determinado nun intre preciso.
Vostede tamén é o presidente da Asociación Española de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións en España. Cantas empresas galegas forman parte dela e que poden aportar a creación do Clúster TIC de Galiza?
Somos once empresas, que podemos aportar moitas infraestruturas e coñecemento do sector ... pero o Clúster tamén pode servir para aumentar a colaboración coas empresas pequenas.
Segundo datos do PEGSI, menos do 5% da produción das empresas TIC galegas véndese fóra das fronteiras estatais, por que é tan limitado esta porcentaxe?
En primeiro lugar porque estamos lonxe xeograficamente dos grandes mercados. Pero o máis importante é que hai un certo medo a meterse no campo das exportacións. Sen embargo, cando as empresas galegas comezan a exportar danse conta de que a calidade dos seus produtos non están por debaixo dos de ninguén. Necesitamos ter máis seguridade en nós mesmos e tamén moito apoio por parte da administración para axudar ás empresas a conquistar novos mercados.
As empresas TIC, que tipo de políticas lle gustaría que se tomasen dende a administración?
Na Consellería de Industria xa se están a facer moitas cousas, pero cómpre establecer un marco de referencia na actuación administrativa, que se vexa que as empresas son realmente as protagonistas do crecemento do sector TIC, que se dialogue con elas. Non se pode pensar que a industrialización tecnolóxica de Galicia se pode sacar adiante sen as empresas.
Galiza conta por vez primeira cun plan sobre as novas tecnoloxías. Como se valora o PEGSI dende o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións?
O PEGSI estrutura as políticas públicas neste sector, que era algo que existía nas outras autonomías e non en Galicia. Nese sentido é moi positivo, independentemente dos erros que poida ter.