Malia as estatísticas desfavorables e dos escándalos financeiros do seu candidato e actual primeiro ministro Bertie Ahern, Fianna Fail (FF) fíxose de novo co liderado no Dail (Parlamento irlandés) nos comicios do 24 de Maio.
Con 78 representantes dos 166 que ten o Dail, coalición cos Progresive Democrats (PD) e cos representantes independentes aseguraríanlle a FF a maioría para gobernar na illa nos próximos cinco anos. Sen embargo, Enda Kenny, líder de Fine Gael (FG), o principal partido da oposición na República, non descartou a posibilidade dun goberno de alternativa, contando co apoio doutros partidos minoritarios.
Os socialistas irlandeses (Labour) teñen tradición en coalicións con Fine Gael pero desta vez, FG necesitaría mais apoio que o dos socialistas e dos verdes para gobernar. O Sinn Feinn podería ser necesario para establecer un goberno de alternativa, pero os partidos maioritarios (FF e FG) xa anunciaran durante a campaña que ningún deles recorrería a unha coalición na que se incluíse o partido nacionalista.
O Tigre Celta segue resistíndoselle ao Sinn Feinn que só conseguiu catro representantes no Dail, a pesar dos seus éxitos no Norte de Irlanda, onde é o segundo partido con mais representantes na Asemblea de Stortmont. Ao sur, na República, sen embargo, o Sinn Fein é un partido cativo e agora coas esperanzas postas nas eleccións locais de 2009. A fronteira entre o Norte e a República nunca estivo tan marcada electoralmente.
As negociacións para unha coalición de goberno de Bertie Ahern, líder do FF e ‘taoiseach’ (primeiro ministro irlandés) os últimos 10 anos, poden tamén verse afectadas polos resultados do Tribunal Mahon. Neste tribunal continuaba onte en Dublín, a investigación de doazóns irregulares de empresarios a Ahern durante a sua etapa como ministro de finanzas.