Non é habitual que un presidente que acaba de ser escollido baixe á area electoral, pero Sarkozy quere amarrar unha maioría favorábel o próximo 10 de xuño.
Fronte á votación do próximo 10 de xuño, o líder da Unión polo Movemento Popular, Nicolás Sarkozy e recentemente vencedor na confrontación presidencial, e a ex candidata do Partido Socialista, recuperan o enfrontamento vía mitins.
"Francesas e franceses, pídovos a maioría que preciso para gobernar e manter os compromisos que estabelecín", dixo Sarkozy na súa primeira intervención pública nesta campaña. Baixo o lema "Xuntos por unha maioría presidencial", Sarkozy insistiu en que os comicios lexislativos do mes de xuño se entendan en clave de reválida para a escolla que os cidadáns xa realizaron hai poucos días nas presidenciais. "Escollestes presidente e agora cómpre designar unha nova Asemblea e, unha de dúas, ou se elixe unha maioría presidencial para poñer en marcha o proxecto político que se aprobou nas eleccións presidenciais, ou unha maioría que se opón a ese proxecto e prolonga un ronsel de conflitos e parálises", desafiou aos electores.
Doutra beira, Ségolène Royal escolleu a mesma xornada para a súa primeira intervención política desde que saíra derrotada nas urnas o pasado 6 de maio. Royal subliñou a necesidade máis que nunca da creación dunha "oposición forte e vixiante, consciente das súas responsabilidades". A líder socialista referiuse directamente aos "17 millóns de electores" que a apoiaron nos últimos comicios e pediu facer un esforzo para estabelecer "un contrapoder fronte á dereita". "Debemos construír a oposición que necesita Francia", afirmou.
Máis en Le Monde e Libération.