O asasinato dun candidato a alcalde membro da candidatura da Premio Nobel da Paz, Rigoberta Menchú, eleva a 45 o número de mortes violentas nas últimas semanas.
Os guatemaltecos votarán o próximo 9 de setembro nunhas eleccións xerais ás que se chega cunha precampaña marcada polos problemas de seguridade no país. Naquela altura, Guatemala deberá escoller presidente, deputados para o Congreso e máis de trescentas corporacións municipais.
A propia Misión de Observación da Organización dos Estados Americanos, OEA, amosou publicamente a súa preocupación polo alto índice de violencia subliñando que a situación pode condicionar o camiño ás eleccións. Advirten desde a OEA que a situación é peor á xa denunciada durante a campaña electoral de 2003, cando se recibiran máis dun milleiro de denuncias por ameazas e presións a formacións políticas e colectivos sociais.