"Tamén Paisley dixo que nunca gobernaría con nós", comentou Gerry Adams, líder do único partido con representación en toda a illa irlandesa.
O Sinn Féin ten escasa representación no Parlamento irlandés, apenas cinco escanos, aínda que para estes comicios agarda un pequeno aínda que significativo incremento co que espera dobrar o número de asentos.
Nas primeiras eleccións sen a existencia do IRA, os líderes da formación prognostican un bo futuro para o Sinn Féin, ao que o resto de partidos aseguran descartar coma potencial socio atribuíndolles unha posición ideolóxica "demasiado á esquerda". "Han de vir co rabo entre as pernas pedíndonos o apoio", declarou desde o Úlster Martin McGuinnes, quen vén de asinar o pacto de goberno en Belfast.
Os comicios deste xoves remataron cun lixeiro incremento de participación, do 62 ao 65%, e o complexo sistema de votación fará que non se coñezan resultados até o sábado. Espérase que as maiorías de goberno sexan formadas por axustadas marxes e o favorito nos prognósticos para liderar o novo executivo é o actual primeiro ministro, Bertie Ahern, quen á fronte do Fianna Fáil opta ao seu terceiro mandato consecutivo.