O PSdeG anunciou a presentación de denuncias na fiscalía por presunta fraude nos censos municipais destas localidades.
Os socialistas consideran que houbo "premeditación" na alteración de documentos públicos e insinúan que o PP está por tras dunhas prácticas coas que trataría de frear non só a posíbel perda da alcaldía, senón un posíbel deputado provincial.
O PSdeG comprobou que para medio cento de persoas consta como domicilio unha estación de tren e varias casas abandonadas. Aseguran que a gravidade dos feitos sería aínda maior, cuantificando en máis de cen as supostas irregularidades detectadas en Arbo e arredor doutras oitenta en Ribadumia.
O responsábel provincial do PSdeG, Modesto Pose, acusa directamente o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, do que di que non se fai nada en Ribadumia "sen o seu impulso directo". Insinuou Pose que a investigación definirá se "moitos destes censados teñen que ver con empresas ou con Louzán".