A denuncia implica a militares paquistanís que acudiran á República do Congo baixo bandeira das Nacións Unidas en 2005.
Daquela, os soldados denunciados foran despregados na localidade mineira de Mongbwalu, ao leste da República do Congo. A tarefa dos cascos azuis era evitar enfrontamentos entre as etnias Lendu e Hema.
Segundo parece, as espectaculares minas de ouro da zona espertaron a cobiza dalgúns militares, que aproveitaron a situación para o lucro persoal. O colectivo Human Rights Watch foi o primeiro en facer denuncias ao respecto. A posterior investigación da ONU confirmou as sospeitas de que os cascos azuis estaban traficando con ouro e armas coas milicias ás que en teoría debían desarmar. O caso foi agora feito público pola BBC.