Hai criticas aos seus líderes por non ser quen de parar a crise, pero tamén chamamentos a máis violencia
"Acabo de escoitar o que parecía unha gran explosión. E agora sirenas". Este é un dos comentarios publicados no blog de Moussa Bashir. Bashir é un dos numerosos cidadáns de Beirut que está a contar a través do ciberespazo a crise no Líbano, na que xa morreron máis de 50 persoas dende o sábado.
De algún xeito o blogmillo libanés reflicte a división do país. Así, fronte a un grupo de blogs proarabes, existe unha maioría de blogueiros progubernamentais.
"Que os terroristas apodrezan no inferno"
"Que Deus protexa ao exército libanés, e que os terroristas apodrezan no inferno" escribe Carine, quen tamén publica fotos tomadas intres despois de que unha bomba matase a unha persoa e ferise a dezaoito na capital. Jamal, pola súa parte, demanda máis equipamento para mellorar a capacidade de combate do exército.
Tamén os hai pacificistas, coma o autor de Free Ceddar, un blogueiro especialmente crítico cos políticos. Acúsaos de "estar preparando o camiño para unha nova guerra civil, como de costume, pondo o seu interese diante do interese da nación".
O papel de Estados Unidos e Israel
Serene está especialmente preocupado polas acusacións de que Fatah al-Islam (o grupo de orixe palestina que está a pelexar co exército) está próximo a Al-Qaeda: "Cando o argumento de Al-Qaeda sae no discurso dos medios, convertémonos en obxectivo nós tamén. É o salvoconducto dos sionistas: xa non importa os esforzos que fagamos por parecer moderados, de nada servirán. Somos, ao fin e o cabo, musulmáns".
As'ad AbuKhalil tamén cre na implicación de Israel e de Estados Unidos na crise. "Xa non hai dúbidas, a doutrina Bush domina oficialmente Líbano" afirma este profesor universitario refuxiado en Califronia. As'ad AbuKhalil prognostica que os EE.UU. enviarán axuda militar ao exército libanés para proseguir os combates contra os refuxiados palestinos.