Malia que a CMT pechou varias redes municipais por ofrecer conexión de balde, os políticos seguen ofrecéndoas
Feijoo nun mitin/Foto: PPdG
O presidente do PpdG, Alberto Núñez Feijoo, realizou unha sorprendente promesa electoral este venres na Estrada. O líder conservador prometeu “estender unha rede wi-fi gratuíta en todos os concellos de Galicia”.
Feijoo explicou que a rede comezaría a funcionar en todas as casas consistoriais e edificios públicos municipais para logo “acabar dando unha cobertura para todos, cunha tarifa económica e rematar sendo gratuíto".
A CMT protexe aos operadores privados
Cómpre lembrar que a Comisión Nacional das Telecomunicacións (CMT) impide ás administracións lanzar redes sen fíos de balde . A CMT argumenta que son unha competencia desleal aos operadores privados e poden frear a oferta. Este organismo xa obrigou a cancelar varias redes públicas, entre elas a montada polo Concello de Barcelona.
Feijoo fixo este anuncio na Estrada, que conta coa maior wi-fi pública do Estado. Precisamente, a Estrada Dixital tivo que establecer un pago mensual de 10 euros para evitar a sanción da CMT, entre outras condicións.
Malia a política da CMT, son numerosos os candidatos que seguen a prometer redes sen fíos municipais, en moitos casos sen custe para o usuario final.
Wifi en Gondomar
Por outra banda, o Concello de Gondomar acaba de anunciar a entrada en funcionamento da súa wi-fi municipal. Ten unha cobertura de cinco quilómetros dende o lugar das Cercas e tamén ten carácter gratuíto.