A compañía "non descarta" ofrecer o servizo de atención ao cliente en galego. O Parlamento instou ao Goberno a non traballar con operadoras se non usan o galego.
Un gasto nos móbiles da Xunta é de 4,4 millóns en dous anos. Esta é a arma da que dispón o Goberno para meterlle presión a Telefónica e lograr así que a operadora preste servizos en galego.
Renovación do pago en 2006
O Parlamento instou onte ao Executivo a que deixe de contratar con compañías de móbiles que non empregan a lingua do país. Aínda que o acordo non é vinculante, foi aprobado cos votos de PsdG e Bloque, forzas que gobernan en San Caetano e que, en boa lóxica, deberían aplicalo.
Iso si, non poderían facelo até agosto de 2008, cando remata a adxudicación a Telefónica Móviles. Este contrato foi renovado polo bipartito hai menos dun ano, en agosto de 2007, segundo di a Consellería de Presidencia.
A versión da empresa
Dende Telefónica faise énfase en que “esta compañía foi pioneira no uso do galego”, en referencia a servizos como a facturación na lingua do país.
Un voceiro da compañía recoñece que a empresa non ofrece servizo de atención ao cliente de móbiles en galego, pero “non descarta” facelo a medio prazo. En todo caso, Telefónica di que a opción de que os menús dos teléfonos estean en galego non depende de Telefónica, senón dos fabricantes.
Os cataláns lográrono
Este mesmo ano, a Generalitat conseguiu que Nokia, Motorola, Grundig, Alcatel e Sony-Ericsson comprometéranse a introducir nos terminais e nas súas guías o catalán. Tamén logrou que Movistar, Vodafone, Orange e Yoigo faciliten o troco dos aparellos con campañas publicitarias e a ofrezan a súa comunicación na lingua propia da comunidade.