"Non descarto un pacto co PP", afirmou Josu Jon Imaz, líder do PNV. Desde Batasuna, Arnaldo Otegi cualificou de "streaptease político" as declaracións de Imaz.
"É evidente que a día de hoxe non se cumpren as condicións políticas, pero na vida pecharse a algo a priori non me parece o máis axeitado", comentou Josu Jon Imaz na súa intervención en Madrid nun acto organizado pola axencia Europa Press. Imaz recoñecía así que o PNV podería recuperar a medio prazo a posibilidade de estabelecer acordos cos populares.
Por outro lado, Imaz chamou a tentar de novo o consenso político para conseguir "unha solución definitiva ao conflito" tratando de "saír do impasse que se observa desde o 30 de decembro" e "tomando a iniciativa fronte á esquerda abertzale". Na súa opinión é posíbel conseguir "un discurso compartido pola paz" e imprescindíbel "sacar o tema do debate partidista". Imaz confiou en que ese pacto se faga arredor da condena á ETA, o apoio aos mecanismos policiais para facerlle fronte e a solidariedade e apoio ás vítimas "sen utilizacións partidistas".
Desde Batasuna, Arnaldo Otegi criticou as declaracións do líder do PNV subliñando que o pacto con Rajoy non debera ser a alternativa do PNV ao proceso. "Pretende facer crer que desexa un proceso de solucións democráticas en Euskadi? A quen quere enganar?", reprochoulle Otegi. O líder abertzale acusou a Imaz de pretender "alongar o conflito" en favor do seu propio proxecto político.