O portal de música independente celebra o 9 de xuño unha festa coa actuación de catro bandas do país que escollerán os internautas.
Cartel da festa
A web Komunikando.net celebrará o vindeiro 9 de xuño o seu primeiro aniversario cunha festa. Para organizala, está a pedir o apoio dos internautas para que os axuden a escoller que catro grupos tocarán esa noite. No portal está aberta unha enquisa con 12 opcións: A Compañía do Ruído, Capitán Furilo, Cuchufellos, Dandy Fever, Guezos, Kastomä, Machina, Os Trasnos de Moscoso, Retobato, Zënzar, Zumbido e Trifulka.
Á falta de se coñeceren as bandas que tocarán na festa, onde ademais haberá moitas sorpresas, o cartel xa anuncia que o acto será na sala Zona, en Bueu, ás dez da noite, coa entrada a tres euros. Komunikando naceu hai agora un ano como un punto de encontro na rede para a música non subvencionada do país e como foro de debate para loitar contra o panorama vixente, que esquecía que aquí tamén se cultivan todas as vertentes da música internacional.