O partido gobernante presenta unha emenda á Constitución para que os cidadáns escollan presidente directamente.
O Partido da Xustiza e o Desenvolvemento, AKP, anunciou para este venres a presentación dunha proposta de emenda á Constitución de Turquía. O proxecto implicaría que se celebrasen eleccións presidenciais e que os cidadáns votasen en urna sobre o próximo presidente. Á vez reducirían o mandato deste dos sete anos actuais a só cinco, con opción a unha reelección. Ademais, as eleccións xerais pasarían a ser cada catro anos, no canto dos cinco actuais.
Por outra parte, decidiuse que o actual presidente, Ahmet Necdet Sezer, siga no posto cando menos un par de meses máis despois de que remate o seu mandato o próximo 16 de maio, na espera de que se resolva a crise actual. Iso facilitaría que de ir adiante a emenda proposta os cidadáns puidesen votar simultaneamente a quen queren como presidente alén de aos seus representantes no Parlamento. O pleno xa aprobou este xoves que eses comicios lexislativos se celebren o próximo 22 de xullo.