Ás máis de 50 organizacións sociais que sustentan a protesta do vindeiro domingo en Compostela, súmanse diversos persoeiros da vida pública.
Cartaz da manifestación
A manifestación contra a degradación do territorio que percorrerá as rúas da capital de Galiza o vindeiro domingo, ademais de ter o apoio dun medio cento de asociacións e organizacións culturais do país, conta tamén co respaldo explícito do mundo da intelectualidade e a cultura.
Un cento de persoas, entre as que se atopan importantes músicos, escritores, xornalistas, deseñadores e artistas plásticos xa botaron a súa sinatura sobre o manifesto Galiza non se vende, Terra viva e digna para tod@s.
"Depredación da terra"
"Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Caurel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galicia. Soou a hora de que digamos: ABONDA!", reclámase no manifesto. A mobilización partirá ás 12.00 horas desde a Alameda compostelá.