Continúan os Encontros do Club cunha visita moi agardada: a do “cura dos pobres”, o párroco de Vallecas Enrique de Castro.
Estará no IES Valle Inclán de Pontevedra o mércores 2 de maio ás 20.00, e ao día seguinte, á mesma hora no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación. “A igrexa dos pobres” é o título da conferencia en que xplicará a súa maneira de vivir e pensar dentro da institución católica, e a súa teima vital: axudar os máis desfavorecidos, unha actitude que o levou ás portadas dos medios de comunicación logo de se enfrontar coa Igrexa de Madrid, ao querérenlle pechar a parroquia de San Carlos de Borromeo, no popular barrio de Vallecas.
Nos últimos meses é tema de actualidade pola decisión do arcebispo de Madrid de pechar a súa parroquia como lugar de culto para reconvertela nun “centro de Cáritas”. A xerarquía eclesiástica considerou que tanto De Castro como os seus dous compañeiros curas desenvolven unha liturxia e unha catequese “afastadas dos parámetros oficiais”, aínda que recoñece a súa entrega e dedicación aos pobres. A decisión provocou a resposta social da veciñanza de Vallecas.
Licenciado en Filosofía e Teoloxía, Enrique de Castro foi profesor de bacharelato até que comezou a súa traxectoria como cura de parroquia en Vallecas, vencellado ó movemento dos curas obreiros de finais da ditadura e comezos da transición. Dende 1980 vive con “nenos e nenas da rúa”, creou a Coordinadora de Barrios de menores e mozos, e o Movemento de Nais Unidas contra a Droga, pronunciándose a favor da legalización desta para rematar coas mafias que a moven. O “cura roxo” escribiu tres libros: Hay que colgarlos?, Dios es Ateo, e La fe y la estafa.