"Turquía é laica e seguirá sendo laica", foi estes días un dos berros principais nas mobilizacións de milleiros de cidadáns turcos.
"Impuxéronnos un candidato presidencial", reprochou no seu discurso Turkan Saylan, presidenta da Fundación de Apoio a unha Vida Moderna, un dos colectivos que promoveu a masiva manifestación que tivo lugar esta fin de semana en Istambul. Foron arredor de 700 mil persoas, segundo a avaliación da propia policía, e máis dun millón, segundo defenden os organizadores. "Están tratando de transformar o pazo presidencial de Kemal Ataturk no pazo dunha secta relixiosa", laiouse Saylan.
Os manifestantes pedían a saída do poder do Partido da Xustiza e o Desenvolvemento, o AKP, e máis en concreto protestaban pola candidatura á presidencia da reública de Abdulá Gul, ministro de Exteriores e estreito colaborador do actual primeiro ministro, Tayip Erdogan. Durante a fin de semana, a patronal laica Tusiad posicionouse tamén publicamente contra os movementos no actual executivo e pediu a disolución do Parlamento e a convocatoria de eleccións xerais. "É necesario para protexermos o laicismo e a democracia", defende o colectivo empresarial.