Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Industria négao rotundamente

SOS-Courel denuncia que Folgoso vai ser declarado 'concello mineiro'

A asociación ecoloxista coida que, de ser o caso, a futura Lei da Minaría priorizará os intereses económicos diante dos valores ambientais e etnográficos.

FAA - 12:50 26/04/2007
Canteira de pizarra no Courel

Canteira de pizarra no Courel

A asociación ecolóxica e cultural SOS-Courel, integrada por veciños residentes neste Espazo Natural, están a recoller sinaturas para denunciar "a desfeita ambiental e cultural que se está a levar a cabo en toda a comarca" e ante "a inminente aprobación da Lei de Ordenación da Minaría", pola cal, segundo interpretan dende a organización, Folgoso do Courel podería ser declarado 'concello mineiro'.

Concretamente, aluden ao artigo 46 do anteproxecto da lei, no que se estabelece que o Goberno, "a solicitude dos concellos afectados, poderá declarar como concellos mineiros aqueles nos que exista ou teña existido unha dependencia da minaría para a súa economía".

Porén, dende a Consellería de Industria afirman que "ademais de se tratar simplemente dun anteproxecto de lei, que aínda ten que ser debatido no Parlamento e ratificado polo Consello, a norma, en ningún caso, impón que concellos van ser declarados mineiros e cal non".

Recorte da superficie do espazo natural

Dende SOS-Courel manifestan o seu temor a que, de ser o caso, "por presunto interese social, a minaría terá prioridade sobre o Parque Natural neste municipio, e que se poderá ir recortando na medida das necesidades", segundo interpretan do proxecto de lei. Mais dende Industria sinalan que eles "non van entrar en interpretacións".

O Courel foi declarado Espazo Natural en 1989 polos seus valores naturais e culturais, e está incluído na Rede Natura 2000. SOS-Courel solicítalle ao Goberno a súa declaración inmediata como Parque Natural, "incluíndo dentro, como mínimo, as cuncas íntegras dos ríos Lor (corredor biolóxico de unión dos Ancares e do Canón do Sil, descualificado en 2004 fóra do Espazo Natural), Louzara, Selmo, Soldón e Ferreiriño".

Implicación da veciñanza

Ademais, esixen "que se libre deste territorio todo tipo de impactos e concesións incompatíbeis, como canteiras, parques eólicos ou centrais hidroeléctricas", así como tamén a asignación dun orzamento suficiente, para a dotación de servizos públicos, a recuperación ambiental e cultural, e a habilitación dos instrumentos axeitados para a implicación dos veciños na xestión do Parque Natural.


Documentos

5/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: