Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
NO MAIO CULTURAL GALEGO DE REDE.CAT

SonGaliza: I Ciclo de Música Tradicional de Galiza en Catalunya

Rede.cat presenta o primeiro ciclo de música tradicional galega nun maio cultural galego que vai estar cheo de actos.

Xabier Paradelo - 23:50 25/04/2007

No mes de maio, que ten especias connotacións para a cultura galega polo día das nosas letras, o 11, 12 e 13 o SonGaliza vai ofrecer en Barcelona unha boa mostra da música feita en Galiza. No Palau de la Música ou na Plaça del Rei, Berrogüeto, Mercedes Peón, Nordestin@s e a Nova Galega de Danza compartirán escenarios canda os músicos cataláns convidados Rosa Zaragoza e Dumbala Canalla.

Na Plaça del Rei tamén actuarán os grupos de música tradicional do Conservatorio Folque de Lalín, a Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, en colaboración coa Fundació Sondeseu, e mais o grupo estable de gralles da Aula de Música Tradicional i Popular da Generalitat.

Alén dos espectáculos, unha mostra de instrumentos tradicionais de Galiza servirá de marco na Galería Sargadelos para unha conferencia sobre a historia da música tradicional galega e mais un debate, con representes cataláns e galegos, sobre o ensino da música tradicional. Na sede barcelonesa da Aula de Música Tradicional i Popular impartiranse obradoiros de instrumentos tradicionais que servirán de intercambio entre os profesionais galegos e os seus homólogos cataláns.

O SonGaliza enmárcase dentro dos actos do Maio Cultural Galego de Rede.cat e conta coa colaboración de institucións galegas e catalás. É o primeiro acto organizado conxuntamente polas entidades que forman Rede.cat dende a súa presentación na II Foliada, alén doutros actos organizados individualmente no marco dos eixes temáticos sobre a memoria histórica e sobre a muller.

Na hemeroteca de Vieiros pódese lembrar outro maio galego en Barcelona no que Galiza berraba Nunca Máis, da man da música e a cultura galegas. Máis alá da música, no maio deste ano vai haber moitas máis novidades, de momento aquí o programa completo do SonGaliza.

SONGALIZA 2007: I CICLO DE MÚSICA TRADICIONAL DE GALIZA EN CATALUNYA

Exposición: Instrumentos tradicionais de Galicia.
Do 7 ao 13 de maio
Galería Sargadelos (Provença, 274)
Horario: 10,30-13,30 h e 16,30-20,30 h

Venres 11 de maio

Conferencia audiovisual: Historia da Música Galega
18,30 h Galería Sargadelos
A cargo de Ramom Pinheiro Almuinha Ramom Pinheiro Almuinha (Vigo, 1975) é director Artístico de Ouvirmos S.L. e profesor de Historia da música galega no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. Tamén é membro do Consello Asesor do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.

Concerto: Nit de les dones
21,00 h Palau de la Música Catalana - Sala Petit Palau
(Sant Francesc de Paula, 2)
Mercedes Peón
Nordestin@s (Guadi Galego, Ugia Pedreira, Abe Rábade)
Rosa Zaragoza (artista convidada)
Entrada: 12 euros

Sábado de 12 maio

Talleres de instrumentos tradicionais de Galicia
10-14 h, 15-17 h Aula de Música Tradicional i Popular, centro en Barcelona
(Mallorca, 292, 9ª planta)
A cargo dos mestres dos conservatorios de Música tradicional de Galícia (EMAO-Vigo, CMTF-Lalin).
Gaita (Xaquín Xesteira), Acordeón diatónico (Carlos Quintá), Zanfona-viola de roda (Óscar Fdez. Sanjurjo), Pandeireta e canto (Pepa Yañez), Percusión tradicional (Francisco Javier Feijóo), Violín tradicional (Alfonso Franco).
Prezo: 12 euros
Prazas limitades. Para formalizar a reserva cómpre enviar un correu electrónico a SonGaliza.

Debate: O ensino regrado da música tradicional vs. o ensino tradicional
18,00 h Galería Sargadelos
A cargo de Ramom Pinheiro (profesor de Historia da música galega no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín), Rodrigo Romaní (coordinador do departamento de Música Tradicional do Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo), Toni Xuclà (director da Aula de Música Tradicional i Popular da Generalitat en Barcelona) e Jordi Fabregas (coordinador do Centre Artesà Tradicionarius de Barcelona).
Moderador: Xurxo Romaní

Concerto: Noite dos Maios
20,30 h Plaça del Rei
Berrogüetto
Dumbala Canalla (grupo convidado)

Domingo de 13 maio

Concerto das Aulas de Música Tradicional
12,00 h Plaça del Rei
Actuación dos grupos das Aulas de Música Tradicional de: Conservatorio Folque de Lalin (CMTF), Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) coa colaboración da Fundación Sondeseu, e o grupo estable de gralles da Aula de Música Tradicional i Popular de la Generalitat (AMTP).

Espectáculo de danza de peche do ciclo
Nova Galega de Danza
20,00 h Palau de la Música Catalana - Sala Petit Palau
Entrada: 12 euros

ESPAZOS:

Galería Sargadelos
Provença 276 | 08008 Barcelona
Tel: 932 150 368

Palau de la Música Catalana
Sant Francesc de Paula, 2 | 08003 Barcelona
Tel. 932 957 200 Fax 932 957 210

Prezo dos concertos: 12 euros

Venda de entrades
Despachos do Palau de la Música Catalana
Horario de dilluns a dissabte de 10 a 21 h
Tel. 902 442 882 / Web de Palau

Talleres de instrumentos tradicionais de Galicia
Aula de Música Tradicional i Popular
da Generalitat de Catalunya
Mallorca, 292, 9ª planta | Barcelona
Inscrición: 12 euros Para formalizar a reserva cómpre enviar un correo electrónico a SonGaliza.
Prazas limitadas por orde de solicitude.


Documentos

Ligazóns

5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: