Nado na Coruña en 1974, é un dos fundadores do colectivo de autores galegos de cómic Polaqia.
Un dos seus compañeiros de grupo e xeración, David Rubín, e a revista Barsowia, que editan, acaban de recibir cadanseu premio no Salón do Cómic de Barcelona. Benlloch pensa que o potencial creativo dos autores do país podería chegar máis lonxe aínda se tivesen o apoio dun proxecto editorial de noso.
Vieiros: Cales poden ser as causas do éxito da banda deseñada galega?
Kike Benlloch: O Salón de Barcelona é o evento máis importante do Estado. O éxito débese á autoría. Temos autores moi bos, os premios de Barcelona recoñecen a situación actual: Miguelanxo Prado é o autor consagrado, Rubín personifica as calidades de toda a xeración. Barsowia representa unha parte da colectividade, porque en Galiza hai diversos grupos. Foi unha feliz coincidencia, porque traballamos en paralelo. Conectamos ben co público español.
V: Hai apoio institucional e editorial ao o cómic do país?
K. B.: Aínda que a miña opinión non ten por que representar a dos autores galegos nin a de Polaqia, eu penso que o éxito é pola materia prima. O material é bo, nada máis. Cando un lector merca banda deseñada galega é porque conecta con ela, iso é a raíz de todo: o bo material.
V: O cómic en galego é rendíbel?
K. B.: Todo é cuestión de escalas. Hai que mirar o grao de esforzo que estamos dispostos a realizar e cales son as nosas expectativas. Un país tan pequeno como Galiza non pode aspirar a un resultado de países grandes. Témonos que cinguir ao que podemos xerar. Polaqia non leva seis anos perdendo diñeiro: facemos banda deseñada e vendémola. Se non xerásemos un beneficio non poderiamos saír adiante. Se coa nosa marxe de manobra podemos facelo, imaxina o que podería facer un gran grupo editorial. Estamos a publicar con editoriais de Mallorca, Castellón e Bilbao. A banda deseñada pode ser rendíbel se hai un plan de empresa que aposte pola canteira, xente que estea ao día de como funciona o cómic de hoxe, non o dos anos setenta.
V: Hai futuro para que xurdan novos creadores de banda deseñada?
K. B.: A maior parte dos autores que se atopan en activo con traballos notábeis ou sobresalientes naceron entre os anos 70 e 80. Nos concursos participa sobre todo xente desa marxe de idades, máis novos é difícil atopalos. Dependería de se o que se fai agora calla e xorden vías para que se poidan dedicar a isto. Nós chegamos a un deserto e partimos dende cero. Non había infraestrutura nin canles de comunicación. Se isto se asenta, pode haber futuro.