Miguelanxo Prado levou o Gran Premio en recoñecemento á súa traxectoria profesional.
O coruñés sucede así a Víctor de la Fuente, gañador deste premio na edición do 2006. Esta distinción é a única de entre todas as entregadas no salón en que non hai nomeamentos previos e elíxea directamente o Comité Executivo de Ficomic.
Outro autor galego, David Rubín, acadou o premio ao Autor revelación do 2006. O ourensán, que optaba a premio en catro categorías, foi elixido en detrimento de Alberto Vázquez, Carlos Vermut, Javier de Isusi e Sonia Pulido.
O terceiro premio para a banda deseñada galega foi para o colectivo Polaqia pola súa revista Barsowia. Os galegos acadaron por segundo ano consecutivo a distinción ao Mellor fanzine, nunha categoría que se decide por votación de profesionais de todos os ámbitos do sector do cómic do Estado.
Apoio de Cultura á banda deseñada galega
O comezo do Salón Internacional do Cómic de Barcelona foi o escenario elixido pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, para presentar un “ambicioso proxecto” para consolidar e promover no país e no estranxeiro a riqueza da banda deseñada galega. Un dos primeiros resultados visíbeis desta iniciativa é a presenza dunha caseta no salón e a programación de actividades coas que a consellaría amosará o conxunto da banda deseñada galega no Saló del Cómic de Barcelona.
O obxectivo deste proxecto é consolidar as bases que precisa a creatividade que están a amosar os autores galegos. Deste xeito, a banda deseñada galega contará cun completo programa de apoio: adquisición e difusión de obras, exposicións e actividades formativas en centros escolares, bibliotecas e librarías; asistencia ás principais feiras e mercados internacionais e realización e difusión de material de promoción interactivo.