O goberno brasileiro prepara unha reforma que impediría a reelección dos presidentes, aínda que ampliaría a cinco anos cada mandato.
"Cando o presidente non ten máis no seu horizonte a disputa presidencial, entón quédalle máis doado gobernar", comentou Luiz Inacio Lula da Silva durante a súa intervención semanal no espazo radiofónico Café com o Presidente, "Eu non teño máis que loitar en 2010, só teño que deixar Brasil infinitamente mellor do que o recibín, e iso dáme liberdade para conversar con todos os sectores da sociedade".
"Todo o mundo sabe o que eu pensaba en 2006, e eu sempre estiven contra a reelección, pero acontece que existe esa figura e hoxe eu son un presidente reelixido", explicou Lula ao respecto. As súas palabras chegan despois de que o propio ministro de Xustiza, Tarso Genro, recoñecese que o executivo traballa nunha emenda constitucional que por un lado ampliará de catro a cinco anos o treito de cada presidente escollido polos brasileiros e polo outro acabará co sistema de reelección.