A asociación ecoloxista está a celebrar durante esta fin de semana diversos actos co obxectivo de chamar a atención sobre a degradación do noso planeta.
A data do 22 de abril como Día da Terra foi estabelecida a nivel mundial en 1990 en homenaxe á primeira protesta nos EUA contra a polución, convocada polo senador Gaylor Nelson. Tal e como sinalan desde Adega, é unha data en que se ten que “chamar a atención sobre a degradación dos recursos naturais e sermos conscientes da nosa capacidade para poñer freo ás agresións sobre o planeta”. Neste 2007, a celebración está dedica especialmente á loita contra o cambio climático.
Precisamente a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza e Amigos da Terra organizan este domingo unha ‘bicifestación’ en Ourense contra o cambio climático. Baixo o lema “Fronte ao cambio climático, menos CO2” a marcha realizará un percorrido desde o pavillón dos Remedios até a Praza Maior, onde se procederá á lectura dun manifesto. Para celebrar este día, distribuiranse lazos verdes para visualizar a necesidade de loitar contra este problema global.
Na xornada deste sábado tamén se desenvolveron actividades relacionadas coa celebración desta data. No Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza levouse a cabo unha xornada de debate sobre a Rede Natura no noso país. Ademais, realizouse a través da delegación de Adega na Costa da Morte, unha xornada de limpeza da ría de Corcubión organizada por armadores e mergulladores.