Unha proposta galega foi seleccionada polo goberno romanés e a Comisión Europea para o desenvolvemento dun proxecto piloto na zona de Bacau.
Galiza, a través da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, asesorará o goberno romanés en materia de xestión medio ambiental. Enmarcada nun proxecto de Irmanamento (Twinning), a proposta galega foi seleccionada en detrimento da belga, grega e italiana para o levar a cabo esta iniciativa gobernamental que ten como obxectivo axudar os Estados candidatos ou novos Estados Membros da Unión Europea no desenvolvemento das súas administracións.
O principal obxectivo deste proxecto é prestarlle apoio ás Axencias de Protección ambiental rexionais (REPA) e Locais (LEPA) e á Axencia de Medio Ambiente Nacional (NEPA), centrando na área de Bacau as actividades técnicas relacionadas co sector ambiental.
A iniciativa está dotada con un millón de euros, será financiado pola Unión Europea e terá unha duración de 18 meses. Liderará o proxecto Xosé Álvarez Díaz, Presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA), quen asumirá a responsabilidade da execución e coordinación do proxecto.