A Corte Suprema dos EUA aproba a primeira prohibición dunha forma específica de aborto a nivel estatal.
En xuño do 2000, a Corte anulara toda restrición contra o procedemento chamado “aborto por parto parcial”. Mais George Bush asinou a prohibición en novembro do 2003. Un ano despois, o xuíz federal de Manhattan, Richard Conway Casey, calificou esta práctica de “horrenda, bárbara e non civilizada”, mais considerou que ditaminar a súa prohibición iría contra a Constitución. Agora a Corte acaba de aprobar, por cinco votos a catro, a lei que prohíbe este tipo de intervención.
O aborto por dilatación e extracción practícase en embarazos avanzados (a partir dos cinco meses de xestación) e consiste na dilatación da canle de parto e extracción do feto, mediante fórceps e a descompresión cranial. Non é frecuente (supón o 1% do total de abortos), e practicábase só en casos en que a vida da xestante estivese en perigo. A comunidade médica que se opón á prohibición afirma que é o procedemento máis seguro nestes casos.
É a primeira lei que lanza unha prohibición a nivel estatal sobre algún tipo de aborto, dende que se promulgou en 1973 que as mulleres teñen o dereito constitucional a abortar. Eve Gartner, da Federación de Maternidade Planificada de América, asegurou “esta lei dálle nos fociños aos trinta anos que leva esta corte facendo o mellor pola saúde e seguridade das mulleres (...) A lei venlle dicindo ás mulleres que van ser os políticos, e non a comunidade médica, quen tome decisións encol da súa saúde por elas”. Varios grupos pro-elección e asociacións de xinecoloxía e obstetricia afirman que este procedemento, en ocasións, é o máis seguro para unha muller en risco. Ademais, manteñen que é un caso excepcional, e que a maioría dos abortos son practicados nas doce primeiras semanas de xestación. Pódese ampliar información en Reuters.