A consellaría afirma que o persoal está moito mellor preparado ca o ano pasado
O departamento que dirixe Alfredo Suárez Canal decidiu adiantar un mes o despregue dos efectivos para loitar contra o lume. Este ano estarán en alerta dende o primeiro día de xuño. O conselleiro sinalou que “temos todo xa preparado, co persoal mellor formado e contratado por máis tempo”. Aínda así, Canal sinalou que nestes momentos xa están a actuar nos montes 1.500 traballadores.
Medio Rural aproveitou para presentar este mércores o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (Pladiga) que substituirá ao Infoga. A principal novidade é un sistema que permitirá coñecer con dez días de antelación o índice de risco diario de incendio. Isto vai axudar a tomar medidas preventivas en determinadas zonas do país.