Os escritos teñen data do 19 de setembro de 2006, e neles, os cativos falan das súas afeccións e describen a súa vila, Lincoln, en Rhode Island.
O pescador de Xaviña (Camariñas) Xesús Silva atopou o pasado domingo, preto dun illote en Beo, entre Santa Mariña e o cemiterio dos ingleses, unha botella que contiña as cartas de tres nenos de Lincoln, unha vila do estado de Rhode Island, na costa atlántica dos EUA. Os escritos, en inglés, están datados o 19 de setembro de 2006, segundo informa o diario El Correo Gallego.
Os autores, Dylan, Joah e Ben, que din ter dez anos, explican que a súa ilusión é poder saber onde chegou a carta e facer amigos nese lugar. Os tres forman parte dunha clase de vinteún alumnos que cursan estudos nunha escola de primeiro grao, e aseguran que a idea xurdiu cando estaban estudando os mapas e aprendendo a calcular as latitudes e lonxitudes.
Xa que logo, achegan os datos da súa localización: 41º N e 71º W. Ademais, explican cal son as súas afeccións, as súas materias favoritas, e os atractivos de Lincoln, "vila pequena, mais moi apreciada polos turistas polos mariscos e polas súas estupendas praias".