As dúas secretarías colaboran na alfabetización en galego tanto dos visitantes como dos residentes no exterior.
As secretarías xerais de Emigración e de Política Lingüística pretenden impulsar este ano cursos de alfabetización en galego para inmigrantes. Nunha resposta escrita a unha pregunta formulada polo Grupo Parlamentario do BNG, as dúas entidades dependentes da Consellería da Presidencia recoñeceron a necesidade de incorporar a poboación inmigrante á nosa lingua garantíndolle “unha oferta formativa accesíbel, atractiva, gratuíta e de calidade”.
Política Lingüística marcouse como obxectivo introducir novas fórmulas de ensino da lingua. As accións de alfabetización levaranse a cabo en colaboración con entidades como sindicatos e ONGs. Pola súa banda, a Secretaría Xeral de Emigración está a poñer en marcha cursos de aprendizaxe do galego en dous eidos diferentes.
Por un lado, ofértanse clases no exterior, dirixidas en principio aos emigrantes, aínda que tamén están abertas a todas as persoas interesadas. Por outro lado, vanse impartir cursos no país para os inmigrantes. Neste último caso, son parte das accións que Emigración subvenciona co fin de mellorar a integración das persoas que veñen vivir a Galiza.