Os contidos que se poden ver van dende conferencias evanxelizadoras até curtametraxes humorísticas.
Logotipos do GodTube e do IslamTube
O éxito acadado polo portal de vídeos YouTube fixo que lle xurdisen múltiples irmáns de todo tipo. Son coñecidos os clons pornográficos do servizo de Google, onde teñen cabida todo tipo de imaxes prohibidas na web para todos os públicos.
Pero, noutros casos, os filmes do YouTube superan os límites admisíbeis nalgúns estados ou por algunhas relixións, que acaban bloqueando o acceso á páxina. Estas situacións compénsaas a aparición doutros servizos semellantes, pero que só ofrecen contidos considerados “correctos” para os usuarios máis estritos de diferentes crenzas.
É o caso de GodTube, IslamTube ou YouTubeIslam. Mentres o primeiro dos portais presenta vídeos aptos para os bos cristiáns, os dous últimos pretenden ser medio de expresión da fe islámica. Pero non todos os contidos que se amosan nesas webs teñen funcións evanxelizadoras, senón que tamén hai algúns que se poderían encadrar a categoría “humor”.
Como exemplos, pódense atopar parodias dos anuncios de Mac contra PC transformados en clave cristiá, ou o videoblog do musulmán Baba Alí, que aquí se queixa do alto prezo das vodas da súa relixión. Como acontece no YouTube, os propios usuarios poden contribuír a manter o portal 'limpo' de contidos inapropiados, marcando os vídeos que consideren que non deben formar parte da web ou ben os que crean que merecen estar na portada.