Un tribunal de Belgrado condenou a catro paramilitares acusados de participar nos asasinatos masivos realizados en Srebenica en xullo de 1995.
Foi a matanza colectiva coñecida máis grave en Europa desde a 2ª Guerra Mundial. Forzas serbias, co xeneral Ratko Mladic á fronte, entraron na cidade de Srebenica, de maioría musulmana, onde se refuxiaran milleiros de persoas. Fronte á inacción dun equipo de cascos azuis das Nacións Unidas que tamén estaban no lugar, asasinaron a preto de dez mil persoas.
Catro dos paramilitares que presuntamente participaran na matanza foron agora xulgados e condenados en Serbia a penas que están entre os cinco e os vinte anos no cárcere. O xuízo comezara hai seis meses e eran acusados en concreto do asasinato de seis persoas, entre eles tres rapaces. Dúas ducias de testemuños escoitáronse no xulgado, relatando como executaran aos catro primeiros e logo de obrigalos a transportar os cadáveres dos compañeiros fusilaron os outros dous.
Trátase dun paso importante na resolución dos crimes de guerra cometidos por militares e paramilitares serbios. O proceso iniciouse en xuño de 2005, cando o Humanitarian Law Center, un colectivo serbio, entregoulle ao Tribunal Internacional para a Antiga Iugoslavia, un vídeo que recollía momentos dos asasinatos.