O grupo local do BNG en Arnoia presentou denuncia contra o alcalde deste concello e vicepresidente da Deputación ourensá, Roxelio Martínez, por presunto delito de fraude.
O eixo principal da denuncia é a constitución de cinco obradoiros artesanais no pobo das Lombas, no concello de Arnoia, destinados a madeira e forxa, ourivaría, cerámica, pan artesanal e doces caseiros.
O proxectos sumaron un orzamento total de 647.500 euros malia que segundo avisaron desde o BNG local só un deles ten actividade, estando o resto pechados. Xa que logo, incumpriríase o comprimiso dos promotores de mantelos operativos durante un mínimo de cinco anos.
Por este motivo o Bloque presentou denuncia no xulgado de Ribadavia, por presuntos delitos de fraude, malversación e falsidade en documento público. A denuncia apunta directamente a Roxelio Martínez, alcalde de Arnoia e vicepresidente da Deputación de Ourense, a quen acusan de artellar unha "trama" para a xestión "interesada" dos fondos europeos do Plan Leader II.
A denuncia inclúe tamén o ex tenente alcalde do PP, xerente do Centro de Iniciativas para o Desenvolvemento Local do Val do Miño, CEIVAM, e administrador único de Actuar, empresa beneficiaria de varias subvencións, Juan Emilio Aparicio; o responsable de asuntos financeiros de CEIVAM e secretario dos Concellos de Arnoia e Beade así como da Mancomunidade dos Concellos de O Ribeiro, Pablo Fernández Loureiro; e o arquitecto técnico e responsable das certificacións das obras denunciadas, Miguel Reza.