A Fiscalía do ministerio público solicitoulle ao Consello de Contas toda a información relacionada coa adxudicación e construción do Mercado da Guarda pola empresa Saite.
A Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vai solicitar ao Consello de Contas un informe sobre a contratación, construción e xestión do mercado da praza de Lugo (Mercado da Guarda), segundo informa La Opinión de A Coruña. O obxectivo é investigar se houbo irregularidades no seu proceso de adxudicación.
Hai dous meses decretarase a apertura de dilixencias informativas sobre este proxecto e sobre o do novo mercado de Elviña. A Fiscalía reclamara daquelas ao Concello todos os expedientes de ambas actuacións.
Entrega dunha parcela en Vioño
O concello entregou á empresa Saite unha parcela municipal en Vioño, valorada en 7,4 millóns de euros, para pagar parte das obras do mercado. O voceiro do BNG, Henrique Tello, estimou a finais de xaneiro que este terreo revalorizarase "un 30%, como mínimo".
Ademais, o concello tamén lle pagou á construtora 2,2 millóns máis dos 20 inicialmente previstos na Xunta de Goberno Local do pasado 1 de setembro, dous meses despois da inauguración oficial do novo mercado.
Banco Pastor e Rodríguez Cebrián, 50-50%
A concesionaria xustificou este incremento no prezo da obra pola redución de metros comerciais en detrimento da superficie destinada a mercado municipal. Saite, filial do Banco Pastor, denomínase agora General de Terrenos y Edificios, é está participada nun 50% pola entidade bancaria e noutro tanto polo empresario e ex director xeral de Inditex, Xoán Carlos Rodríguez Cebrián.
A oposición -BNG, PP e independentes- aplaudiron a decisión do fiscal, namentres que o alcalde da Coruña, Xavier Losada, defendeu a xestión do grupo de goberno: "Todas as actuacións que fai o concello, axústanse á legalidade".
O interventor municipal alertou ao goberno local de que se modificara o crédito da obra sen unha autorización previa, e que antes de acordar a súa liquidación era imprescindíbel aprobar o proxecto reformado, mais o concello ignorou estas advertencias.