A Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) está investigando se houbo algunha irregularidade na reforma dos mercados municipais de Elviña e da praza de Lugo. O Concello da Coruña arramplou cun xardín público e cun parque infantil na zona de Monelos. Segundo denuncia o xornal La Opinión, a petición fíxoa a Concellería de Medio Ambiente. Este medio subliña que o administrador do centro comercial de Elviña é, curiosamente, irmán do xefe de Servizo de Medio Ambiente do municipio, Florencio Cardador.
O departamento municipal pediu no verán de 2004 a modificación do Plan Xeral para reconstruír o mercado de Elviña. A Consellería de Política Territorial deulle luz verde a estes plans na primavera de 2005. Segundo o xornal coruñés, a comisión de goberno adxudicou en 2003 a construción do mercado e do aparcadoiro da praza de Elviña á única empresa que se presentou a concurso, Bigmall Ibérica. A modificación posterior do Plan Xeral revalorizou o proxecto e deulle máis beneficios á empresa adxudicataria.