Denuncia a súa tramitación fora do Plan Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega
En primeiro lugar, Verdegaia denuncia a tramitación deste proxecto á marxe do Plan Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega, actualmente en revisión, cando dita instalación figura contemplado no mesmo. Este proceder desvirtua os obxectivos do plano, tales como “ordenar territorialmente a costa galega para o uso acuícola, delimitando aquelas zonas que reunan as mellores condicións para esta actividade, evitando así a aparición de instalacións dispersas pola costa galega de xeito non planificado”
En segundo lugar, rexeita a cualificación do proxecto como de incidencia supramunicipal posto que non se axusta aos criterios sinalados no artigo 4 do Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal dado que: Non produce efectos positivos para o ambiente, a paisaxe rural ou para o patrimonio cultural, senón todo o contrario, non contribuirá, de xeito significativo, ao desenvolvemento sostibel social e económico de Galicia; entre outras razóns, pola escasa creación de postos de traballo debido á automatización deste tipo de instalacións, non cumpre unha función vertebradora ou estructurante do territorio e se asenta nun só Concello, o de Porto do Son.
En terceiro lugar sinala os importantes impactos ambientais que suporía a súa construción. Entre estes impactos salienta o paisaxístico (fica a 300 m do castro de Baroña) e a contaminación xa que este tipo de instalacións carecen de sistemas de depuración eficaces dada a importante cantidade de materia orgánica que se xeraría na granxa de peixes planos, mesturada con productos químicos (antibióticos, etc.) destinados ao tratamento sanitario dos peixes, elementos que rematan no mar. Así mesmo, a zona afectada pola piscifactoría está calificada como Solo Rústico de Protección de Costas e Solo Rústico Común en aplicación da Lei 9/2002, do 30 de decembro que permite calquera uso sempre que no supoña a transformación de súa natureza rústica e quede garantida a integridade dos valores obxecto de proteción.
Por último, Verdegaia chama a atención sobre o feito que se recolleron máis de 3000 sinaturas de veciños e veciñas opóndose a sú instalación, entendendo que ante un rexeitamento social desta envergadura cómpre rexeitar o proxecto.