Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
CARTA Á CONSELLEIRA DO COLECTIVO CÍVICO "MATAR POR MATAR, NON!"

Os "campionatos" de caza non son deporte: non máis subvencións públicas!

O colectivo cívico Matar por matar, NON! do que forma parte ADEGA, ven de remitir unha carta á conselleira de Cultura solicitándolle que non continúe a subvencionar os mal chamados "campionatos" de caza coa excusa de que é unha actividade deportiva máis. Estes "eventos" están nas antípodas do que representa o deporte como veículo educativo e de transmisión de valores cívicos (igualdade, solidariedade, respecto polo ambiente...) Competindo por ver quen mata máis seres vivos, que tipo de valores estamos a transmitir á nosa mocidade?

Matar por matar non - 11:19 29/03/2007

Señora Conselleira:

Nos meses de xaneiro e febreiro desenvolvéronse por boa parte do país unha serie de "campionatos" de caza do raposo de ámbito local e galego (subvencionados pola sua Consellería e co permiso da de Medio Ambiente), e que culminaron o dia 18 de febreiro no Carballiño co "IV campeonato nacional de caza del zorro".
Este feito levantou un considerable movemento social crítico que se manifestou nun acto de protesta o día 4 de febreiro, e mesmo o día 18 cunha saída ao monte para intentar parar a matanza de animais nestes campionatos, fóra da tempada de caza, sen estudos científicos contrastados sobre censos de poboación, e nunha modalidade "deportiva" moi afastada do que pode ser un aproveitamento cinexético sustentábel. Esta serie de "campionatos" realizados en época de cría, causounos a sensación de estar diante dun masacre en cadea que nós de ningun xeito podemos admitir coma deporte.
A evolución da caza como deporte competitivo en cáseque calquera cultura moderna son os deportes de tiro, nos que os obxectivos de puntuación non son seres vivos. O feito de que a Consellería que vostede preside sega a considerar estas actividades coma deportivas, parécenos, como pouco, incongruente, sobre todo cando na Orde do 30 de xaneiro do 2007 (DOG de 26 de febreiro de 2007) pola que se regulamenta o réxime de concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de actividades deportivas no ano 2007, recóllese o seguinte: "A universalización da práctica deportiva ten un papel moi importante na sociedade, actuando de maneira transversal en moitos valores sociáis de grande importancia para a mellora da calidade de vida dos cidadáns, e en especial acadar a xeneralización da práctica deportiva entre os nenos e nenas..."
Nun campionato de caza o obxectivo é matar animais e o gañador (o mellor de tódolos participantes) é o que máis mortes acada. Ademáis de conseguir esa suposta xeralización da práctica deportiva, preguntámonos que valores sociais se reforzan. O feito de depredar salvaxemente sobre dunha especie, somentes por puro afán competitivo, en que pode millorar a calidade de vida dos cidadáns? No que toca aos menores de idade, a sua consellería mesmo declara: "O deporte é moito máis que a práctica deportiva: é un xeito de educación". Neste aspecto coincidimos. Evidentemente, o deporte ten un gran valor educativo e de enriquecimento cultural: xunto coa familia e a escola é un instrumento que axuda a transmitir valores como a solidariedade, igualdade, sociabilidade, respecto polo medio ambiente... Competindo en ver quen mata máis seres vivos, que tipo de valores estamos a transmitirlle aos nosos xoves?
Nas actividades cinexéticas a participacion de menores non está restrinxida, é dicir que calquera menor pode ser testemuña de actividades deste tipo. A non ser que vaian armados, e poden facelo os maiores de 16 anos se van acompañados por un adulto (artigo 3 da lei 4/1997 do 25 de xuño). Segundo as leis, un menor de 18 anos non pode beber, conducir un coche, mesmo votar... pero semella que son dabondo maduros para usar un arma de fogo.

Por todo o que se ven de expoñer demandamos da Consellería de Cultura e Deporte:
-QUE NON SIGA A CONSIDERAR A CAZA COMA UN DEPORTE.
-QUE NON SIGAN PROMOCIONANDO E SUBVENCIONANDO ESTE TIPO DE ACTIVIDADES.
-QUE NA FUTURA ELABORACIÓN DUNHA NOVA LEI DE CAZA INSTE A PROIBICIÓN DA PARTICIPACIÓN DE MENORES DE IDADE NAS ACTIVIDADES CINEXÉTICAS.


Colectivo cívico "Matar por matar, NON!"


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: