Foi presentada a campaña de verán da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade: dende o 15 de xullo até o 30 de setembro, a infancia e mocidade galegas poderán gozar de campamentos, campos de traballo, rutas, intercambios, e moitas outras actividades.
Anxo Quintana e Rubén Cela presentan a campaña
Comeza a organización da campaña de verán, da que poderán gozar 10.00 rapaces e rapazas, entre os campamentos en Galiza, os programas de intercambio e os campos de traballo. Por primeira vez, a solicitude pode realizarse a través de internet, e facerse conxuntamente para catro irmáns. Ademais, aumentaron nun 15 % as prazas destinadas a persoas con algunha discapacidade.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o director xeral de Xuventude, Rubén Cela presentaron a campaña de actividades da Xunta, que se desenvolverá do 15 de xullo ao 30 de setembro: para rapaces e rapazas de 9 a 17 anos hai 7.010 prazas en actividades como rutas, xogos relacionados coa lingua, actividades deportivas, de contacto coa natureza, actividades no mar, ou teatro. A educación en valores (para a paz, ambiental, coeducación) é a liña fundamental de traballo na programación destas propostas. Para persoas adultas haberá 345 prazas en cursos de navegación ou de fotografía, cruceiros polas rías, rutas a cabalo ou escalada, entre outras. Tamén haberá 525 prazas para programas de intercambio con outras Comunidades Autónomas: Álava, Aragón, Cantabria, Castela León, Castela A Mancha, Murcia, Navarra e A Rioxa.
Por último, os campos de traballo organízanse, como indicou o director xeral de Xuventude, para "promover a convivencia, a solidariedade e a colaboración en traballos ambientais, etnográficos, sociais ou de recuperación". Para esta actividade hai 698 prazas (460 en Galiza, 188 no resto do Estado e 50 no estranxeiro). Ademais as asociacións e organizacións xuvenís que desenvolvan as súas propias actividades en instalacións dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade contan con 1.625 prazas, e un desconto dun 50% sobre o prezo dos uso e dos servizos das instalacións.
Solicitude en liña
Se antes as solicitudes conxuntas podían facerse como máximo para dous irmáns, este ano xa se poden facer para catro, e ademais ser tramitadas a través da web da dirección xeral ou da Rede de Información Xuvenil. Este ano, ademais, incrementaron as prazas e as quendas destinadas a persoas con necesidades educativas especiais: aumentaron nun 13% as prazas para a integración de mozos e mozas con algunha discapacidade, un 18% as prazas de quendas específicas para persoas con discapacidade e un 12% as prazas para rapaces e rapazas con dificultades de inserción social. Como indicou o vicepresidente, realizáronse ademais unha serie de melloras e rehabilitacións nas instalacións.
A campaña desenvolverase en 32 centros, (17 propios e 15 concertados), cun persoal integrado por 128 directores de actividades no tempo libre e 842 monitores. Os prezos varían en función de cada campamento, malia existiren descontos para as persoas usuarias do carné xove, do 25%, e para familias numerosas, do 50%. As solicitudes poden ser presentadas do 27 de marzo até o 13 de abril, e a comprobación pode realizarse a partir do 23 de abril en www.rix.org e www.xuventude.net ou no teléfono xove. O sorteo perante notariado será o 8 de maio ás 12.00, e os resultados finais coñeceranse o 14 de xuño.