O Tribunal Supremo admitiu a trámite a querela presentada pola fiscalía contra o senador do PP e presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro
O pasado 2 de febreiro a xunta de fiscais do Tribunal Supremo aprobou por unanimidade solicitar que se lle retire a inmunidade parlamentaria a Cacharro para que puidese ser imputado en relación co abono supostamente ilegal de axudas de custo aos vicepresidentes da Deputación Provincial.
O alto Tribunal asume agora a competencia da investigación ao tratarse dun aforado e nomea relator do caso ao maxistrado Julián Sánchez Melgar. O suplicatorio contra o senador aínda non foi cursado posto que a lei permite que este declare no Alto Tribunal antes de realizar ese trámite, se así o considera pertinente o imputado.
Na querela do fiscal imputábase a Cacharro un delito de malversación de caudais públicos e outro de falsidade documental e afirmábase que "se recolleu grande cantidade de elementos de convicción que poñen de manifesto que Cacharro, na súa calidade de presidente da Deputación Provincial de Lugo, impartiu ordes e autorizou os pagamentos ilegais que son obxecto do proceso".