Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Artefacto caseiro nun chalé

Estoupa de xeito controlado unha bomba en Nigrán

A Garda Civil detonou a primeira hora da tarde deste venres un artefacto atopado por uns traballadores da construción nun chalé da Ramallosa (Nigrán).

Redacción - 09:30 24/03/2007

Segundo fontes da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, o paquete bomba, que foi atopado nun chalé en construción na rúa Francisco Lago, estaba dentro dunha pota exprés marcada cun cartel que poñía: “Perigo. Bomba”. As mesmas fontes sinalan que non se realizou ningún aviso previo de colocación deste explosivo.

Segundo informa a axencia Efe, David Giráldez, portavoz do BNG en Nigrán, sinalou que hai quince días un veciño denunciou no Concello que a urbanización na que está situado o chalé se está a construír nun paraxe natural a conservar.

Segundo o voceiro nacionalista, que no 2005 sufriu a queima do seu coche por supostamente denunciar irregularidades urbanísticas no concello, o veciño advertiu de que os edificios que se están a levantar na ladeira de Cotros incumpren as normas urbanísticas vixentes.

Pouco despois do estoupido, o equipo científico dos Tedax comezou analizar os restos do artefacto para determinar a súa composición e procedencia.

Aínda non se coñece a composición do explosivo

En declaracións aos medios de comunicación a última hora da tarde deste venres, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, afirmou que aínda non se coñece a cantidade nin a composición do artefacto explosivo.

Fernández confirmou que a bomba foi atopada nunha pota a presión que estaba dentro dunha bolsa cun letreiro que advertía do seu perigo. Comentou tamén que unha unidade dos Tedax estoupou o artefacto unha vez que os cans confirmaron que contiña material explosivo e tras acordoar convenientemente a zona e retirar os vehículos que puidesen verse afectados. Segundo informou o subdelegado do Goberno, a explosión non provocou danos persoais nin materiais.


4,5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: