A Xunta denega a aprobación definitiva do PXOM de Oleiros por deficiencias na clasificación de solo.
A Consellería de Política Territorial decidiu non outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do municipio coruñés de Oleiros. A razón son as deficiencias detectadas na clasificación dos solos, que deberán de ser corrixidas.
O plan urbanístico clasifica como solo urbano zonas que, segundo a información remitida polo Concello de Oleiros, non cumpren os requisitos esixidos pola Lei do Solo. Así, por exemplo, non contan con servizos de acceso rodado, abastecemento de auga, evacuación de augas residuais e subministración de enerxía eléctrica das redes públicas.
Noutros casos, aínda que existen servizos urbanísticos, os terreos non están integrados dentro da malla urbana existente. Incluso hainos que están rodeados por hortas ou por arboredos e que, segundo Política Territorial, "non ofrecen a imaxe propia dos asentamentos urbanos".
En canto ao solo urbanizábel, a consellaría sinala que as previsións de crecemento previstas no PXOM superan a demanda contemplada polo propio plan para un horizonte de 16 anos. Ademais, hai terreos de solo rústico que están clasificados como urbanizábeis, e outros que carecen de calquera tipo de cualificación.
Pendente de Medio Ambiente
O PXOM de Oleiros tamén está pendente da resolución da Consellería de Medio Ambiente sobre o procedemento de avaliación ambiental estratéxica, tal e como esixe a normativa estatal. Así, outra das deficiencias detectadas é que as emendas presentadas pola Dirección Xeral de Costas foron excluídas do texto.
Unha vez que o Concello de Oleiros realice as correccións requiridas por Urbanismo, a casa do concello deberá someter novamente o documento a aprobación do pleno municipal e remitilo á Consellería de Política Territorial, que o analizará para comprobar que se realizaron as correccións esixidas e así proceder á súa aprobación definitiva.
Pleno extraordinario en Ourense
Por outra banda, o alcalde de Ourense, Enrique Nóvoa, asegurou este xoves que o 90% do seu patrimonio xa era seu "antes de entrar na política", e asegurou que ten "as mans limpas". O edil explicou que constituíra "un total de 14 sociedades de diferentes sectores", mais que sempre o fixera de forma "honrada, honesta e transparente".
O Concello de Ourense organizou un pleno extraordinario a petición do grupo municipal do PSOE, malia non contar con concelleiros suficientes para facelo (ten 6 e precísanse 7 para convocalo). Porén, Enrique Nóvoa accedeu a facelo el mesmo, para aclarar as súas actividades empresariais. A oposición denunciara posíbeis irregularidades deste, referentes a súa participación en dúas empresas, Galmex SL e Poensa SL.
O voceiro do PSOE, Francisco Rodríguez, criticou a cultura política do PP, baseada en "mesturar os cargos públicos cos negocios privados", e levar a cabo unha xestión urbanística "enchida de escándalos, con recalificacións que chegan a rozar a corrupción".
Neste senso, o portavoz do BNG, Alexandre Sánchez Vidal, asegurou que "non é bo" para a cidade que nun curto espazo de tempo un alcalde "estea sendo cuestionado" en dúas ocasións, tanto pola súa actividade empresarial coma en relación ao edificio de rúa Pérez Serantes, polo que terá que prestar declaración o vindeiro xoves.