Os ecoloxistas están preocupados cos sistemas que a Xunta estuda para o tratamento do lixo. Adega xa anunciou que se oporá radicalmente "á gasificación por plasma como método para tratar o refugallo do sur de Galiza". Pensan que se trata dunha "incineración encuberta". Aínda que as autoridades negan a posibilidade, o colectivo advirte de que se pode repetir unha "segunda Sogama".
Complexo de Sogama en Cerceda
Para Adega, se a Consellería de Medio Ambiente aposta polo plasma estaría a agochar unha "incineración encuberta". Entre os principais problemas sinalan que se perpetuaría un modelo centralizado de xestión, non se favorecería a prevención nin a redución en orixe e incluso se contribúe ao cambio climático.
Fronte a unha "segunda Sogama" no sur, os ecoloxistas demandan un modelo sustentábel de xestión de residuos, descentralizado e baseado na redución e na compostaxe. Adega avisa que está disposta a levar adiante unha recollida masiva de sinaturas para volver a levar o problema ao Parlamento, ao igual ca o que ocorreu hai 11 anos cando se propuxo construír a incineradora de Cerceda.
O goberno galego dixo en máis dunha ocasión que a solución non pasa por unha "Sogama bis" no municipio de Carballeda de Avia. Mais Adega afirma ter indicios suficientes para sospeitar que se está valorando seriamente a gasificación por plasma.
É ou non é incineración?
Un dos problemas é que hai división de criterios á hora de falar sobre esta tecnoloxía. Hai quen cre que a gasificación por plasma non é propiamente unha incineración. Os defensores desta teoría afirman que as emisións ao aire son dez veces menores que nunha incineradora, aínda que recoñecen que os metais volátiles precisan tratamento adicional. Tamén subliñan como dato positivo que a emisión de dioxinas é cen veces inferior.
Pola contra, para o secretario executivo de Adega, Fins Eirexa, non hai dúbida de que existe unha incineración e así a califican as directivas europeas e incluso o goberno de EUA. O colectivo sospeita que o goberno galego amárrase ás primeiras teorías e por iso di que non se vai repetir outro modelo como o de Cerceda. Na súa propia páxina explican porque consideran este modelo un xeito de incineración. Algo que comparten múltiples organizacións.
Diálogo social
Mais os ecoloxistas tamén se queixan da actitude do novo goberno: "As expectativas apuntaban a un cambio de rumbo con respecto ás políticas anteriores, fomentando a redución, a reciclaxe e a compostaxe como alternativa á incineración". Case dous anos despois, láianse de que non haxa aínda "un diálogo social" sobre o problema.