Ao redor de corenta linguas minoritarias, faladas por pobos nómades da metade Norte de Rusia, están a piques de desaparecer. A educación das xeracións máis novas é a última esperanza para estes idiomas, dos máis antigos do mundo.
No Nordeste de Rusia habitan máis de corenta pobos nómades que contan con cadanseu idioma diferenciado. Mais, na actualidade, estas linguas teñen os días contados para a súa completa desaparición, segundo informa BBC Radio 4.
Habitan unha extensa zona que vai dende a Península de Kola, no noroeste de Rusia, até o Mar de Chukotka, no nordeste. Algún destes pobos, con nomes como Saami, Evenk, Nganasan, Itelmen, Ulchi ou Tuvinian Todzhins, levan miles de anos a falar algúns dos idiomas máis antigos do mundo que, nalgúns casos, nin sequera teñen reflexo na escrita. Escolarización soviética
Mais, os programas educativos da época soviética provocaron o principio do esmorecemento destas linguas. “Coa chegada do inicio do ano escolar, as autoridades percorrían as zonas para recrutaren aos rapaces”, comenta Rodion Sulyandzige, director dun programa de apoio a estes pobos. “Non tiñan contacto coas súas familias durante todo o curso, así que rapidamente perderon a súa lingua materna, e asimilaron o ruso no seu lugar.” Na maioría das tribos, a máis vella das xeracións é a única que aínda fala a súa lingua “autóctona”. Ademais, nas últimas décadas moitos dos seus membros trasladáronse a vilas e cidades occidentais, deixando atrás o seu estilo de vida tradicional. Educaren ás novas xeracións
Vera Tuzakova, unha Selkup de Tomsk, na Siberia, di que se está a tratar de manter viva a cultura tradicional mediante a celebración de concertos e festivais. No entanto, a maior esperanza está depositada nos profesores voluntarios que dan a coñecer ás novas xeracións o idioma propio do seu pobo. Porén, non lles é doado, dada a carencia de libros e de cartos (cobran 1.300 rublos mensuais, uns 40 euros). “Mais, se lle poden ensinar aos nenos, estes pódenlle aprender aos pais, e esta sería a forma de preservar as nosas linguas maternas por un pouco máis de tempo”.