Un apartamento de tan só corenta metros cadrados no centro de Vigo é xa un auténtico luxo para a maioría dos cidadáns. Por un inmóbel destas características, sen contar coa praza de garaxe, xa se están chegando a pedir até 195.000 euros.
Os prezos no sector inmobiliario non paran de medrar. Segundo unha información da edición local de La Voz de Galicia, comprar un apartamento nas rúas céntricas de Vigo require un esforzo ao que poucos petos se poden enfrontar. A noticia destaca que no ano 2000 un apartamento de 30 metros cadrados na mesma zona custaba menos de 30.000 euros. En só sete anos, os prezos chegaron a multiplicarse por catro.
O caso de Vigo é un dos exemplos máis claros da dificultade para acceder a unha vivenda. Casos semellantes repítense por todo o Estado. Por iso, diferentes colectivos sociais, especialmente os xuvenís, teñen convocada unha xornada de protesta para o vindeiro día 24 de marzo. Piden vivendas dignas a prezos asumíbeis. En Galiza haberá concentracións, ás 17 horas, en Vigo (Porta do Sol) e na Coruña (Praza de María Pita).