Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O GOBERNO RECORRE A SENTENCIA QUE OBRIGA A TIRAR OS AEROXERADORES DESOÍNDO AS PETICIÓNS DOS AFECTADOS

Os veciños do eólico de Chantada din que non aceptarán unha indemnización "miserábel"

"Eles din que o recurso é bo para nós pero o certo é que só é bo para a Xunta". Así fala José Antonio Diéguez, presidente da Comunidade de Montes de Argozón, promotora dunha pioneira sentencia que obriga a demoler un complexo eólico en Chantada. A Consellería de Industria anunciou onte que recorrerá este fallo porque “a sentencia non ofrece máis alternativa co desmantelamento do parque”. Polo contraio, os veciños defenden que, con ese veredicto na man, poderían negociar mellor coa empresa algunha compensación polas terras expropiadas ilegalmente. Ademais, outras comunidades de montes poderían aproveitarse da sentencia para sacarlle ás empresas un maior pedazo do pastel da enerxía eólica galega.

 

Manuel Vilas - 13:51 27/02/2007

 

Segundo o sindicato Unións Agrarias (UU.AA.), os veciños dos parques eólicos galegos quedan unicamente co 1% dos beneficios.

En contra do que pediron os veciños

O complexo eólico de Chantada foi declarado ilegal hai dúas semanas. Tras o fallo, os afectados e UU.AA. pediron expresamente á Xunta que non recorrese. Sen embargo, o luns a Consellería de Industria anunciou que recorrerá porque o veredicto impide que “se acaden acordos a respecto das cuestións formuladas na demanda”. Polo tanto, a Xunta alega que o recurso “é a mellor opción posible para todas as partes”.

Polo contrario, os veciños argumentan que o recurso dificulta as súas aspiracións, que non pasan tanto pola demolición como por lograr unha participación nos beneficios.

A transcendencia real do caso

Sobre unha posible pacto coa empresa Enerfín, Diéguez deixa claro que os veciños teñen un fallo xudicial ao seu favor e que “non aceptaremos unha indemnización miserable”. O certo é que se non hai un acordo coa empresa, o recurso da Xunta pode dilatar un preito que xa ten catros anos. Nese tempo os veciños non cobraron un peso, segundo Diéguez.

En Galiza existen varios parques levantados en montes de man común tras seren expropiados durante o goberno popular. Usando o precedente de Chantada, os ex-propietarios destes montes poderían recorrer esas expropiacións. De lograr unha sentencia favorable como en Chantada, mesmo poderían renegociar unha maior participación nos beneficios. Esta pretensión é apoiada por Unións Agrarias a través da asociación Ventonoso, que tamén preside Diéguez.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: