Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DA BELIXERANTE NOTA OFICIAL CONTRA A COLABORACIÓN GALEGA A PROL DA "FALA"

Vicepresidencia esíxelle ao goberno estremeño que se desculpe

"A Junta de Estremadura rexeita as fantasiosas premisas sobre as que se asenta o delirio imperialista dos nacionalistas galegos". Velaí unha das pouco diplomáticas expresións que en nota oficial lle adica o executivo liderado por Juan Carlos Rodríguez Ibarra á petición do BNG ao bipartito para que a axuda ao uso da lingua no exterior incluíse o Val das Ellas. Desde Vicepresidencia da Xunta pídenlle a Ibarra "desculpas aos galegos e ao goberno galego". Pola súa banda, o BNG cualificou o acontecido como "ataque á cultura de Galiza".

- 07:01 24/04/2006
Tags:

"Diante da noticia de que o Bloque Nacionalista Galego lle pide á Xunta de Galiza medidas para a protección do galego que se fala en Estremadura, e unha vez repostos do conseguinte ataque de risa, desexamos facer estas consideracións (...)". Así comeza esa valoración oficial asinada polo goberno estremeño, que máis adiante di confiar "plenamente, en que a Xunta de Galiza desoirá os torpes cantos de sirena destes aprendices de bruxo". Asegura o executivo que no Val das Ellas "non se fala galego, senón un dialecto derivado do tronco común do galaico portugués, con adherencias asturleonesas".

Vicepresidencia esixe desculpas
Desde a secretaría xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta, respondíanlle este domingo ao executivo estremeño que "con estas manifestacións, se ten faltado gravemente ao respeto ao goberno galego", recomendando que "o máximo mandatario estremeño debería pedir desculpas aos galegos e ao goberno galego", e anunciando que se dirixirán de forma oficial e a través de carta á Junta de Estremadura para solicitarlle esas desculpas e pedirlle que "retire estas graves descalificacións carentes da educación e respeto coa que a democracia esixe tratar as propostas de todos".

"O galego é patrimonio de todos e a todos nos corresponde defendelo", din desde Vicepresidencia, subliñando que a Xunta vén asinando "acordos e convenios para preservar o galego e o patrimonio cultural e mellorar o coñecemento e as boas relacións entre os pobos veciños que comparten boa parte dese patrimonio". Así, recoméndanlle á Junta de Estremadura ter en conta a máxima de que "o saber non ocupa lugar".

O BNG cualifica de "xenófoba" a resposta da Junta
"Ninguén falou de colonizar estas vilas, senón de establecer mecanismos de defensa da súa fala", opinou Francisco Rodríguez, deputado do BNG no Congreso. Rodríguez definiu de "incríbel" que o goberno Ibarra queira "manipular verdades obxetivas", subliñou a raíz galega da fala destas localidades cacereñas e laiouse de que a Junta realice "un ataque contra a cultura de Galiza".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: