Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Moncho Iglesias

Ataques de colonos en Cisxordania

09:30 10/08/2008

Os asentamentos israelís nos Territorios Ocupados, incluíndo Xerusalén Oriental, suman máis de 200, todos eles declarados ilegais, amais de obstáculo para a paz segundo o Tribunal Internacional de Xustiza. Nestas comunidades, como moitos colonos dan en chamar a estes lugares, rexeitando o termo asentamento, que implica temporalidade, viven preto de medio millón de xudeus e, malia non ocuparen máis que un 3% de Cisxordania, as infraestruturas ao seu redor provocan que un 40% dos terreos cisxordanos estean dominados por eles.

A construción dos asentamentos comezou tras a guerra do 67 grazas a pequenos grupos familiares que empezaron a establecerse, en tendas de campaña ou caravanas, en zonas estratéxicas dentro dos Territorios Palestinos. Dende entón, a pesar do desaloxo dos asentamentos de Gaza, a poboación non deixou de crecer, e con ela as tensións. Así, dende o comezo da Segunda Intifada, en setembro do ano 2000, preto de 60 palestinos morreron en ataques perpetuados por colonos, agresións que se intensificaron nos últimos días.  

Dende que deu comezo o mes de agosto, os altercados provocados por colonos veñen sendo diarios, a maioría deles en Hebrón, unha cidade na que viven 200.000 palestinos e 650 colonos, sempre rodeados de férreas medidas de seguridade. E é que Hebrón é unha das cidades de maior importancia para o xudaísmo posto que, segundo a tradición, aí están enterrados Eva e Adán, amais de Abraham e Sara, Isaac e Rebeca, e Xacob e Lea. Nun templo dividido, para separar o lugar de culto de musulmáns e xudeus, céntrase o obxectivo de continuas disputas polo seu control pleno.  

Aos ataques sucedidos durante toda a semana, de Norte a Sur, hai que engadir o desta fin de semana, na que un grupo de colonos entrou na mesquita de Ibrahim, en Hebrón. Xa antes, o xoves, varios xudeus atacaron a diplomáticos británicos nunha visita á cidade, mentres outros facían o propio en Belén, ante un grupo de pacifistas organizados para rezar diante dun lugar no que se pensa construír un hospital infantil, anteriormente un posto militar israelí.  

Para entrar á mesquita ou á sinagoga onde está a tumba dos patriarcas, hai que pasar varios controis militares que rexistran non só a relixión do visitante, senón tamén as súas pertenzas, unha medida que se intensificou a raíz dun atentando, en 1994, que acabou coa vida de 27 musulmáns. Con todo, o xoves, algúns colonos lanzaron area e pedras contra os xeques que entraron a rezar na mesquita, e o venres algúns outros lograron coarse dentro do templo.  

Este sábado, e novamente, en Hebrón, unha moza tivo que ser hospitalizada debido ás feridas provocadas por un ataque de colonos, ao tempo que se intensifican as medidas de seguridade e o número de construcións: preto de 500 vivendas aprobadas en dous dos asentamentos que rodean Belén, esta semana.

4,38/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Moncho Iglesias

Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974). É mestre de castelán como lingua estranxeira en Belén, Palestina. Licenciado en Filoloxía Hispánica e doutorando en Filoloxía Galega. Coas súas crónicas, Moncho cóntanos de primeira man o conflito árabe-israelí. »



Anteriores...