Moito se ten discutido sobre a vida en Palestina e sobre o seu xeito de sobrevivir, sobre as violencias ás que están sometidos os seus habitantes, sobre os toques de queda, sobre as guerras, sobre as paces, sobre as rutas, sobre as solucións, sobre os conflitos; pero parecen non existir banalidades como distraccións e tarefas que facer cando sobrevivir xa non é unha necesidade.
O deporte, unha imposición herdada dende hai milenios, é unha das formas de diversión que máis convence a aqueles que buscan pasar o tempo. E Palestina, que tamén procura entretementos, non é unha excepción. Moito se ten discutido sobre o deporte nacional palestino: o lanzamento de pedras; o salto de pértega sobre o muro de separación; os maratóns, con ou sen obstáculos; ou o boxeo, como saco, son os máis coñecidos internacionalmente. Pero parecen non existir os deportes de masas, os deportes olímpicos, e non é tal.
O Real Madrid e o Barça son os deportes maioritarios nos Territorios Palestinos. Calquera partido que xoguen serve para encher locais con televisión, como o “Lega”, en Nablus, un café adornado coas bandeiras de ambos equipos, listo para os distintos enfrontamentos. Pero o fútbol tamén se xoga fóra dos cafés. Tal e como dixo o presidente da UEFA, Michel Platini, recentemente, o fútbol pode xogar un papel importante no proceso de paz en Oriente Medio. De aí a idea de xuntar xogadores israelís e palestinos, en España, nun partido amigable xogado en 2006.
Igual que as sinaturas de acordos de paz, os partidos que envolven a uns e outros sempre se xogan fóra. Dentro, apenas hai consenso sobre onde está o campo neutral e sobre a compra do equipo arbitral. Con todo, a maxia do fútbol sempre dá pé para soñar e comunicarse, aínda que sexa dun xeito distinto.
A idea do fútbol como instrumento de comunicación entre veciños que só se poden escoitar foi validada pola compañía de teléfonos israelí Cellcom. Nun anuncio televisivo, un grupo de soldados israelís para o jeep co que patrullan, á beira do muro de separación, ao caerlles un balón de fútbol no coche. Entón comeza o balagán, desorde, e os militares xogan contra un invisible equipo palestino, aparentemente complicado, posto que se piden reforzos.
Do lado palestino, nun intento de revivir esas imaxes bucólicas do fútbol como actividade unificadora, e dos soldados como combatentes dun xogo amizoso, gravouse a parte non vista do partido. Neste caso, non se tratou de vender nada, senón de amosar unha realidade que fora fantasiada con fins comerciais: cando os palestinos disparan o balón, volve en forma de gases lacrimóxenos e balas
As diversións, como o deporte do fútbol, non entenden de bandeiras e confunden regras segundo as rexións. Do mesmo xeito; un muro pode ser dúas realidades diferentes: unha portería de fútbol para uns, e para outros unha representación, unha realidade amputada de esperanzas.
Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974). É mestre de castelán como lingua estranxeira en Belén, Palestina. Licenciado en Filoloxía Hispánica e doutorando en Filoloxía Galega. Coas súas crónicas, Moncho cóntanos de primeira man o conflito árabe-israelí. »