Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Carlos Garrido

Os inimigos

09:00 05/02/2008

“Os verdadeiros nemigos da Autonomía son, sin querelo nin decatarse cecais, Vilar Ponte e outros autonomistas de boa fé que non acaban de cumplir debidamente a súa misión”. Escribía isto Bóveda nun sangrante artigo no xornal de Portela Valladares o 25 de agosto de 1933. En definitiva, viña a dicir algo moi doloroso: as veces os inimigos son os amigos.

Alexandre Bóveda tiña sobre o seu ombreiro o peso de organizar a conquista do estatus institucional do país á par do resto das nacións do Estado. Tivo a capacidade intelectual de deseñar a estrutura que dera canle a esa estratexia, mais topouse coa dificultade de enfrontarse coa xeración de vacas sagradas –Castelao aparte- que, desde o prestixio que lle outorgaba ser pioneiros, brillaban como persoeiros indiscutíbeis da constelación nacionalista. Alí estaban efectivamente Antón Vilar Ponte, mais tamén Risco, Paz Andrade ou Blanco Amor que disparaba alén mar contra o “purismo” de meter ao galeguismo nun partido. E iso foi o máis desagradable do seu labor de dar corpo a un pensamento, ou mesmo, a un sentimento que en abstracto xa case ninguén negaba e todos dicían representar. Mais no fondo, os galeguistas fóra do partido sabían que Bóveda tiña razón e por iso non facían outra cousa que xustificarse. Quizais o título da sección de Antón Vilar Ponte, “Pretextos cotidianos”, sexa algo máis que un xogo de palabras que reflicte a actitude de quen incapaces de someterse a disciplina do PG, inevitablemente, estaban suxeitos á disciplina doutras organizacións, e non só a ORGA na que estaba o viveirés ou o Partido de Centro no que desembocou Paz Andrade senón que o grao de inconsciencia podía levalos a favorecer a outras forzas máis antagónicas como no seu momento fixo o propio Filgueira ou Risco. Isto é, a outra cara do individualismo e do personalismo consiste en que fuxindo de ser esmagado no propio matiz polo grupo a que un pertence, remata disolto totalmente ao servizo do colectivo que combate.

Os apostoles da ING, con Losada á cabeza, que rexeitaran o xogo partidario de xeito explícito para entrar nel pola porta de atrás coa ditadura de Primo, non parece que aprenderan a lección. Tardaría Vilar Ponte en poñerse ás órdenes do PG, logo de que se fartara de ser “tonto útil” de forzas foráneas, até que ao fin Castelao –e o seu irmá Ramón- lle fixo entrar en razón, o mesmo que terían que facer para que Otero non se fora e acatar as decisións da organización a pesares de estar en desacordo. Mais Bóveda xa tiña claro que o obstáculo para cumprir os obxectivos do nacionalismo non eran os anti-galeguistas: “os veradeiros nemigos da Autonomía non son isa media ducia de españoleiros, incosecuentes, que, de cando en vez lle perdona a vida ao Estatuto n´un d´ises artigos pintorescos que as xentes conscentes len con verdadeiro asombro”. A Bóveda tocoulle daquela desenmascarar as actuacións dos que atacaban ao PG abandeirando posturas máis radicais (Agrupación a la Tercera República) e mesmo arredistas (Alvaro de las Casas, A Fouce), ou desde posicións posibilistas que confiaban na súa presenza en partidos que tiñan máis opcións a obstentar o poder en Madrid.

Hoxe o país precisa dar un paso máis para erguer o seu estatus xurídico e político dentro dun Estado que se vai definindo en función da correlación de forzas e non pola asunción da realidade diversa que posúe. Esto ten consecuencias prácticas no avance da democracia (poder de decisión, soberanía, etc…), no progreso económico e social (cun financiamento axeitado as nosas necesidades) e no establecemento dun rango institucional que nos situe en pé de igualdade no plano político pero tamén cultural e lingüístico. É evidente que todos están pola reforma do Estatuto de boca para afóra e din que pensan no ben de Galiza aínda que desvían o debate canto poden cara outras latitudes e temas de tipo relixioso ou moral cos que disimular a coincidencia nos asuntos esenciais, sobre todo nos económicos (sen entrar na cuestión de quen rebaixa máis o IRPF). Bóveda tería nestes momentos moito traballo para poñer a cada quen no seu sitio e identificar os inimigos que impiden que o Estatuto de Nación sexa unha realidade. A verdade é que nunca houbo tanta confusión no panorama político, mais parece quedar clara unha cousa: as forzas alleas só outorgarán algo a Galiza en función do peso das forzas propias e quen trate de dividir esas forzas propias non está a traballar precisamente ao servizo do país por moito que se diga galeguista, nacionalista ou independentista. En conclusión, o incremento de votos e presenza institucional do BNG nas Cortes Xerais é o único xeito que nestes momentos hai de favorecer a mellora económica, institucional e cultural de Galiza así como preservar as liberdades ameazadas polo movemento reaccionario emerxente que ten o seu sustento no antinacionalismo. As lóxicas diverxencias persoais, consideracións locais ou circunstancias biográficas polas que cada quen está hoxe afastado do equivalente ao PG daquela, non debera empuxalos a repetir os erros de entón, e lembrar como nun mundo onde todo o que fagamos ou deixemos de facer repercute, non apoiar ao BNG é traballar para a involución.

3,44/5 (39 votos)



X.C. Garrido

Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, 1965). É Profesor de Filosofía e membro da Fundación Bautista Álvarez na que é Director do "Terra e Tempo". Autor de "O pensamento de Castelao" e "M. García Barros, loitando sempre". Traballa na recuperación da memoria histórica na Estrada. En 2009 publicou o volume Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro. »



Anteriores...