Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Carlos Garrido

Aristóteles en rigoroso español

13:01 12/12/2007

Hai quen puido pensar que coa decisión de enviar os textos de filosofía da selectividade en español, o currículo oculto se puxo ao fin de manifesto, amosando as intención dos que gardaban as formas até agora co fin de manter unha “paz lingüística” que lles beneficiaba mentres traballaban - baixo a política do apoliticismo - dun xeito calado a prol da exclusión da nosa lingua do ensino do xeito máis intelixente que se lles ocorría: empregando a allea e deixando que a lóxica do mercado fixera o resto.

Quizais as alarmas saltaran cando recentemente ese labor deixou de ser silencioso co “Tan gallego como el gallego” ou “Galicia Bilingüe”. Mais, parece errado explicar isto só por unha intencionalidade expresa de agredir ao galego. Esta é só a consecuencia, non a causa.

Por iso non imos caer na trampa de entrar no debate da excelencia das traducións españolas fronte ás galegas. Que sexan os aludidos, como o catedrático Juan José Moralejo Álvarez que verteu a nosa lingua a “política” de Aristóteles, quen saia a defender a súa integridade intelectual. Mesmo aqueles que son acusados de traducir do español, que se defendan. Aínda que neste caso están salvados por que a superioridade da lingua foránea é un argumento a prol de quen a empregou como ponte para o galego. O que chama a atención é o feito de que alguén pense que o problema da formación filosófica do alumnado galego é a falla de “rigor filológico y hermenéutico” dos textos no noso idioma.

A verdade é que tanto ten como se traduza a Aristóteles porque existe un consenso tácito sobre cal é a súa interpretación, á cal se somete todo o profesorado que quere que os seus alumnos superen as probas de acceso, e aínda que eles teñan unha visión orixinal e innovadora ao respecto, saben sacrificala en prol do ben dos rapaces. Porque así funciona o sistema, e éste é o verdadeiro problema da formación filosófica do alumnado galego, se entendemos por filosofía algo máis que reproducir fielmente – sen erros de transcrición - un pensamento alleo. Isto é se concibimos a filosofía como reflexión propia, crítica, autónoma, libre, auténtica…
Con todo, os libros de texto en galego posúen treitos dabondo das obras de Aristóteles na nosa lingua e as traducións feitas por editoriais como “xuntanza” ou “xerais”, corrixidas, adaptadas ou recreadas polo profesorado, permiten desde hai anos traballar as ideas dos autores clásicos nas aulas con total fiabilidade. A incerteza xerase agora cando se dá a entender que se viviu no erro e é preciso corrixir a visión sesgada que tiñamos do estaxirita coa variña máxica do idioma cervantino e da editorial Gredos.

Peregrinaxes a Fátima
Cando Richard Dawkins puxo o exemplo da mala tradución ao grego da palabra hebrea “Almah” como “virxe” cando debería dicir simplemente “muller nova” para explicar como os erros actuaban na transmisión xenética, a súa apreciación non provocou ningún cataclismo no sistema de crenzas. Non empezaron a cambiar o nomenclator das parroquias, a mudar a iconografía católica, a alterar as romerías de Guadalupe nin de Amil, a suspender as peregrinaxes a Lourdes ou a Fátima, etc. Por que o mundo non funciona así. No caso da filosofía institucionalizada, académica ou como se lle queira chamar, onde mesmo as palabras clave de cada filósofo soen manterse no idioma orixinal, é dificil agardar que veña algún Dawkins a revirar un texto clásico descubrindo unha acepción que bota por terra o que se estaba a soster nas aulas. Mais levantando a sospeita de que isto poida ocorrer, desautorizando os textos que se viñan empregando e a metodoloxía de traducir do español, xerase unha inseguridade que provoca un dano irreparable á lingua (diante da dúbida está claro a que idioma hai que agarrarse) e ao propio funcionamento dun modelo pernicioso que o único que podía ter de positivo era o feito de saber a que aterse, ter un marco de referencia común.

Os autores desta iniciativa quizais se vexan arrastrados por un profesorado que está a cuestionalos constantemente e pon en tea de xuízo a súa capacidade como “expertos”. Vense impelidos a apouvigalos co seu “rigor filolóxico e hermenéutico” para lexitimar o seu estatus. Mais se o profesorado dispara contra á CIUG polos problemas do seu alumnado con estas probas é porque non están dispostos, por riba, a cargar co morto de levar a culpa do fracaso destes, cando o Estado lles quita horas e dilúe a súa materia na retórica vácua do políticamente correcto. O alumnado asume que o compromiso coa língua é secundario, mais tamén coa verdade, coa crítica, coa disidencia ou co esforzo en pensar por si mesmos; o prioritario é aprobar a selectividade. É a engrenaxe na que estamos envoltos e que explica feitos coma este máis alá da vontade das pezas que o fan funcionar. Algún día habería que pararse a preguntar a onde nos leva esta dinámica e quizais chegar a conclusión entre todos que é preciso mudar o sistema. Entrementres seguiremos a acusarnos os uns aos outros dun estado de cousas que non satisfai a ninguén.

4,75/5 (55 votos)



X.C. Garrido

Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, 1965). É Profesor de Filosofía e membro da Fundación Bautista Álvarez na que é Director do "Terra e Tempo". Autor de "O pensamento de Castelao" e "M. García Barros, loitando sempre". Traballa na recuperación da memoria histórica na Estrada. En 2009 publicou o volume Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro. »



Anteriores...