Desde a tarde deste venres, ampla cobertura e emisión en directo desde Vieiros.
Arredor de dous milleiros de mozos e mozas teñen asento de privilexio esta fin de semana no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela, na décima edición de Xuventude Galiza Net, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude.
Un evento que pega un novo chimpo de calidade nesta edición, pasando a un recinto cunha superficie de máis de 10 mil metros cadrados e un aparcadoiro con capacidade para máis de 500 vehículos. Un ano máis, o operador de cable R ofrecerá unha conexión de alta velocidade de fibra óptica aos asistentes durante as tres xornadas de duración do encontro.
O XGN viviu o seu principal punto de inflexión na edición de 2006, cando a cita viraba de simple xuntanza de rapazolos para espremer a banda larga nunha fin de semana a punto de encontro para a creatividade informática do país. "Mantense o continente, pero cun contido radicalmente diferente", explicaba daquela para Vieiros o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, destacando a aposta por reconverter a ciber-romaría. Ben é certo, xa desde ese ano, o vencello da lingua galega coas novas tecnoloxías, a reivindicación do software libre ou o impulso á accesibilidade, eran eixos fundamentais da nova etapa do XGN.
O XGN 09 viaxa agora até o pavillón central do Multiusos, que estará ocupado pola intranet, mentres que a extranet (área aberta ao público en xeral) estará emprazada no recibidor da entrada, cuns mil metros cadrados de superficie. Nas oito salas de actividades impartiranse cursos, palestras e obradoiros. Ademais, o edificio conta con todos os servizos necesarios para poder pasar os tres días sen saír do recinto.
Vieiros fará un seguimento polo miúdo, que poden atender desde o especial XGN 2009, onde tamén poderán seguir unha experiencia pioneira: a emisión en directo do evento a través de internet.