ENFOQUE COMUNICATIVO. ATENCIÓN Á DIVERSIDADE. ACTIVIDADES MOTIVADORAS. CLASES COMPLEMENTARIAS PARA MELLORAR DESTREZAS. AULAS VIRTUAIS PARA OS ALUMNOS QUE NON POIDAN VIR ÁS CLASES. ACTIVIDADES ESPECIAIS (Semana das Linguas, Actividades de Nadal, Halloween, etc). AULAS INTERXENERACIONAIS. PUNTO DE ENCONTRO. FIESTRA AO MUNDO E A DIVERSIDADE. PREPARACIÓN DE DOCENTES.
Todos estes elementos constitúen parte do que a ensinanza nas EOIs viña incorporando nas súas aulas de idiomas. Porque teñamos en conta o que unha EOI implica para unha cidade e moito máis para unha vila (como é o caso das seccións).
Alén de todos os comentarios sobre as horas de traballo do profesorado de EOI (que daría para un tratado en si mesmo), aproveito para facer un alegato a favor do MANTEMENTO de ensino de calidade nas EOIs. Como profesora, QUERO e DESEXO seguir mantendo TODOS e cada un dos elementos mencionados. Pero é que ademais, quero seguir engadindo cousas a esa lista, quero seguir innovando e ofertando máis.
Tanto se nos di que hai que andar ao paso con Europa, que hai que dar resposta á demanda da sociedade. E pregúntome eu porque isto NON pode ser verdade nas EOIs.
Falaba o rei onte de seguir respetando a autoridade dos mestres e profesores. Como pretendemos ser respetados nunha sociedade na que os propios medios nos acusan de "nugalláns" e de non querer traballar as horas que se nos asignan?
Alguén de certo se parou a facer unha análise dos nosos horarios de traballo? Alguén se parou a asistir a unha das nosas clases e ver en que consisten?
DISFRUTO do meu traballo como moitos dos meus compañeiros e polo tanto non podo máis que sentirme indignada polas consecuencias da Circular 5/2009 para o corpo do profesorado das EOI, si, pero tamén para o ALUMNADO. Porque á fin e ao cabo, eles son a nosa razón de ser, os nosos clientes, e penso que se merecen o mellor prato na mesa, o mellor ensino posible.
Pasa que porque non é ensino obrigatorio, porque son adultos, porque veñen despois do seu traballo lidiando moitas veces coas súas situacións persoais e familiares o MERECEN MENOS? Pensemos ben neste colectivo. 31.000 alumnos de EOIs. 31.000 persoas que queren por motu propio facer un oquiño para aprender unha lingua. E eu pregunto, por que se lles está a dar paus? Por que se lles están a quitar as horas lectivas complementarias para mellorar as destrezas nas que precisen reforzo? Por que se lles está a quitar profesorado?
A sobrecarga horaria dos docentes ha ter as súas repercusións por unha banda nos propios docentes e pola outra nos alumnos.
De verdade queremos perder todo iso? Retroceder na nosa andaina? Dóeme só de pensalo.