Europa e Asia=Turquía
Penso que non son imparcial neste debate, son historiador da antigüidade e como tal sento certa simpatía polo pobo grego, polas súa historia, arte, costumes, arquitectura, escultura...
Dende que a finais da Idade Media, un pobo nómada das estepas islamizado escomezaba a dominar a outrora área do imperio romano oriental, o de bizantino foi cousa dos franceses porque eles mesmos sempre se chamaron romanos, moitas cousas cambiaron no Oriente próximo, Europa oriental, e mais África occidental; mais desta vez a cultura oriental sería a preponderante. Os antigos territorios dos reinos helenísticos, berce do cristianismo que logo se expandiría por occidente, comezaron xa dende a plena idade media a seren islamizados, agora tocáballe ao corazón da cultura grega e mesmo no 1453 a Constantinopla.
De tódolos xeitos aos turcos, salvo nalgúns momentos puntuais, non lles importaba tanto a islamización dos seus vasalos coma aos árabes. A igrexa ortodoxa gozaba de certa liberdade, non moita, e os cristiáns seguían a ser numerosos en Palestina, Siria, Anatolia, Grecia, e mesmo en Exipto cando foi controlado por Turquía. Aínda así, eran cidadáns de segunda.
Os turcos dominaron moitos pobos, chegaron ate mesmo Marrocos pero co tempo perderon pouco a pouco a influencia no occidente, mais pola contra en Libia, Exipto, e mesmo Túnez, a seu poder foi máis que efectivo. En Asia os turcos non soamente dominan a antiga Siria, e Palestina, senón que mesmo a península arábiga. E que dicir de Europa, que o continente tremeu cando chegaron a Viena...
Hoxe en día ocupan a península de anatolia e un anaco de Europa, a parte mais oriental da antiga Tracia onde se sitúa Istambul a antiga capital do Imperio Otomán. Perderon os seus territorios europeos despois da primeira guerra mundial quedándose a xeografía turca do xeito ca coñecemos hoxe. Este recuncho estivo a piques de ser anexionado por Rusia durante a primeira guerra Mundial, e en represalia os turcos tentaron de exterminar aos tamén cristiás armenios, nun intento de musulmanizar por completo a todo o país. De seguro cos armenios axudaron aos rusos mais exterminar case que a metade da poboación non creo que fora a solución…
Na primeira parte do século XX os gregos , xa independizados dende finais do século XIX, tentaron invadir a antiga Xonia, a meirande parte das costas anatolias, onde vivían unha cantidade importantísima de gregos dende fai polo menos 3 milenios. Ataturk reaccionou a tempo e impediu tal acción.
Houbo un pacto entre ámbolos dous países, os musulmáns de Grecia vivirían en Turquía, e os gregos de Turquía emigrarían a Grecia. Miles e miles de familias a abandonaron as súas casas con tristura cara unha terra allea.
Turquía laicizouse con Ataturk despois da primeira guerra mundial, tentando de imitar a cultura occidental dende o seu punto de vista. Adaptaron o seu alfabeto latino defenestrando o alfabeto árabe, realizouse unha constitución a xeito de Europa, adaptaron o xeito de vestir europeo…
En 1955 aínda moitos gregos vivían en Istambul, pero a poboación turca promoveu unha masacre indiscriminada contra os cristiás esnaquizando eirexas, casas, negocios, violando, e matando persoas, etc. Os motivos aínda non se coñecen pero semella que foi por unha información falsa do goberno turco. Miles e miles de familias gregas, 500.000 persoas, marcharon de Istambul deixando a presenza grega nunha mera testemuña. Mais o patriarcado de Constantinopla, que aínda se chama así, sigue a estar en Istambul. Cal é o motivo disto? Non quere que o goberno grego teña unha voz preponderante no conxunto das igrexas ortodoxas.
Anos despois, na década dos setenta, a ditadura grega anexionouse Chipre ca conivencia da poboación e das autoridades chipriotas. Os turcos ocuparon o norte da illa ca escusa de protexer a unha miúda minoría. Hoxe en día soamente Ankara recoñece a República Turcochipriota. Na práctica a república é un anaco de Turquía.
Moitos gobernos e ditaduras gobernaron o país, un país que promove o laicismo mais un laicismo musulmán no que os cristiáns son perseguidos. Os lugares santos son museos, e precísanse de moitos permisos para oficiar culto, aínda que haxa fieis dabondo; neste sentido hai que lembrar que Anatolia é unha das zonas do mundo con mais lugares santos para os cristiáns, un dado curioso é comprobar coma os turcos reclaman a tumba de Santo Nicolas, Papa Nöel, a Italia para abriren un museo sobre o Nadal.
O proselitismo non musulmán non se contempla, e se considera case un delito. O patriarca de Constantinopla dende fai unhas décadas ten que ser turco, obviamente para dificultar a súa continuidade, ao mesmo tempo que os mosteiros se pecharon pola forza. Non compartindo a atitude da Suíza cas mesquitas, polo menos dende o meu punto de vista asisto abraiado ao cinismo turco ao reclamarlle liberdade de culto aos musulmáns nese país cando eles practicamente negan tal extremo para os non musulmáns, e mesmo hai casos de asasinatos sospeitosos nos que semella ca policía turca ten moito que dicir.
Falar do xenocidio armenio ou denunciar as matanzas de kurdos son considerados un atentado contra a turquicidade que implica pena de cárcere. Iste artigo segue a ser un obstáculo insalbabel para a Unión Europea, é incompatíbel, din, e argumentan que é unha actitude que atenta contra o ideario europeo. Hai que dicir que en tódolos estados europeos existe algún artigo semellante que rezuma nacionalismo, mais nin de lonxe semellan ser tan fortes e arbitrarios. É curioso pero o tradicional opositor de Turquía neste eido, Francia, é o que ten un artigo cando menos un pouco semellante.
Turquía atópase nunha encrucillada, non se sente totalmente asiática, pero menos europea agás nas zonas mais occidentais coma a costa ou Istambul. Coido que isto é algo normal, sempre foi unha terra entre dous mundos, xa dende a guerra de Troia albíscase que existían dous mundos en colisión, mais dende que Güll e Edrogan están no poder semella que desta vez Turquía mira moito mais a Asia.
Hoxe en día Turquía ten un goberno islamista moderado, que pouco a pouco rompe o equilibrio diplomático que os seus gobernantes tentaron establecer durante décadas con oriente; hai que lembrar que sempre foron tradicionais aliados de Israel pola súa tradicional oposición aos árabes, aínda que sempre tiveron influencia no mundo árabe, que fixo que nos tempos do sha se aliaran con Iran para facer unha fronte anti-árabe. Mais un non sabe que é pior, o radicalismo laico do exército e do nacionalismo radical turco, ou o islamismo do partido no goberno que obviamente está a darlle unha importancia considerable a relixión, Turquía é o país con mais mesquitas por metro cadrado.
Onte a comisión de asuntos exteriores dos USA, tradicional aliado de Turquía, cualificou de xenocidio o acontecido cos armenios, Turquía chamou a consultas ao seu embaixador. Seguen a ser un freo, recoñecido por eles, para a reconciliación entre chipriotas, aínda que teño que dicir cos gregos tampouco axudaron nese momento. Istes dous asuntos son un grande problema, escusas din eles, para a entrada na unión amén dos problemas fronteirizos cas illas gregas que están as veces a poucos metros das costas turcas.
Un país tan autoritario, tan soberbio, e tan xenocida coma Turquía non é un país europeo, permitídeme que sexa tan crédulo de aínda crer na Europa mais, Pode ser que teña razón Pamuk? E dicir, que se Turquía entra na UE a democracia florecerá por fin neste país? mais permitídeme que dubide unha vez mais; coido que hai países do leste que forman parte da UE que aínda teñen un grande déficit de democracia.
Gustaríame crer que en Turquía hai mais xente coma Pamuk, que di cousas moi interesantes. Entre elas di que se Turquía non entra a formar parte da UE co tempo o país acadara un radicalismo relixioso, ou simplemente voltará a un autoritarismo mais firme aínda. Pola outra beira Edrogan di que Turquía non quere entrar en Europa pola vía da aculturización, mais ao mesmo tempo queren entrar na UE. Ningún país merece ser aculturizado, mais isto non é unha contradición señor primeiro ministro? Teñen ou non teñen cultura europea? Coido que el mesmo respondeu a pregunta.